A caída dunha árbore e obras de mantemento limitan o uso da Finca de Briz

Marín
19 de agosto 2020

O Concello tomou a decisión de pechar o acceso ao Parque dos Sentidos mentres se realizan estes traballos

Zona pechada no Parque dos Sentidos da Finca de Briz
Zona pechada no Parque dos Sentidos da Finca de Briz / Concello de Marín

A caída dunha árbore e obras de mantemento obrigan estes días para limitar o uso de todos os espazos da Finca de Briz, en Marín. 

O pasado xoves caía unha acacia negra na zona dos instrumentos. Dito contratempo comezou a liquidarse esta semana iniciando ademais unha actuación de mantemento. Así, ademais de retirar a árbore danada tamén se decidiu retirar unha árbore contigua para evitar posibles incidentes.

A actuación non está exenta de dificultade debido á complexidade que supón acceder ata o lugar en cuestión con maquinaria pesada e tamén pola propia retirada e transporte da acacia. Por iso o Concello tomou a decisión de pechar o acceso ao Parque dos Sentidos mentres se realizan estes traballos.

Outra actuación que se realiza estes días é unha inspección técnica para determinar o estado das especies arbóreas do Parque e proceder se fose preciso á súa talla e retirada para evitar riscos de caídas.

A acacia negra aproveitarase para fabricar pezas de escultura en madeira, como as que xa existen neste espazo, ou reutilizala para habilitar bancos.