A Calzada presume xa da súa Bandeira Azul

Ponte Caldelas
01 de xullo 2015

Na Calzada xa ondea, por fin, a Bandeira Azul. Ponte Caldelas presume xa de contar oficialmente co primeiro destes distintivos concedidos a unha praia fluvial de España. Foi izada este mércores polo novo equipo de goberno, encabezado polo alcalde, Andrés Díaz

Izado da Bandeira Azul na praia fluvial da Calzada
Izado da Bandeira Azul na praia fluvial da Calzada / Concello de Ponte Caldelas

Na Calzada xa ondea, por fin, a Bandeira Azul. Ponte Caldelas presume xa de contar oficialmente co primeiro destes distintivos concedidos a unha praia fluvial de España. Foi izada este mércores polo novo equipo de goberno, encabezado polo alcalde, Andrés Díaz. 

O rexedor asegurou que o izado oficial desta bandeira é un "fito histórico" para o municipio e un "logro colectivo" de todos os veciños. Andrés Díaz afirmo que este recoñecemento ven a referendar a "alta concienciación cidadá" que hai no pobo coa defensa dos valores medioambientais que representa o río Verdugo.

Díaz destacou o seu firme compromiso con este galardón ao longo do seu mandato e indicou que co izado desta bandeira azul "tamén simbolizamos o noso compromiso por preservala como sinal inequívoco de respecto polo medio ambiente". Ponte Caldelas ten a firme decisión, dixo, de defender a praia fluvial e o río Verdugo "contra calquera agresión veña de onde veña".

Sanidade, apuntou o alcalde, fará análises aleatorias e por sorpresa das augas do río Verdugo para verificar en todo momento a súa excelencia e idoneidade para o baño, polo que "estaremos moi atentos e vixiantes para que non suceda nada fóra do normal que poida poñer en risco a seguridade de nenos, bañistas e persoas que utilicen a zona de baño da Calzada". 

"Haberá tolerancia cero con calquera mínima agresión que poida sufrir a nosa praia e o noso río", concluíu firmemente o alcalde de Ponte Caldelas.
 
Finalmente, os membros do equipo de goberno departiron cos tres socorristas que comezaron este mércores os seus labores na praia fluvial, organizando un modelo de traballo e horario a través do cal se garantirá a presenza continua de, polo menos, dous vixiantes ao mesmo tempo na zona de baño.
 
LIMPEZA CONTINUA E MÁIS SEGURIDADE

O goberno municipal tamén inspeccionou os últimos retoques na caseta de socorro habilitada xunto ao quiosco, os xogos de praia e os baños, así como as medidas de seguridade e de advertencia aos bañistas sobre as normas que deben seguir para evitar calquera incidente. Ademais se revisou a instalación de medidores de profundidade en varios lugares da praia para que sirvan de referencia aos bañistas á hora de introducirse na auga.
 
A aposta pola hixiene na praia de A Calzada terá un tratamento especial no referente aos aseos postos á disposición do público en xeral e situados xunto ao quiosco da praia. O equipo de goberno habilitou un cuadrante de control para que os aseos sexan limpados de luns a venres dúas veces polas tardes e tres nas fins de semana, coa intención de estender tamén aos aseos a boa imaxe e servizo que debe presidir o goce desta praia fluvial por parte dos usuarios.