A camelia, protagonista en Vilagarcía no LIV Concurso Exposición Internacional

O Salnés
10 de marzo 2018

A mostra, na que participan unha trintena de cultivadores, abriu as súas portas este sábado na Praza da Peixería

Inauguración do LIV Concurso Exposición Internacional da Camelia Deputación de Pontevedra

Pontevedra, Vigo e Vilagarcía repártense a organización do Concurso Exposición Internacional da Camelia, e nesta ocasión tócalle a quenda á capital arousá de gozar dunha das flores máis recoñecidas da Rías Baixas.

O recinto da Praza da Peixería acolleu este sábado a inauguración da LIV edición do concurso exposición.

Unha trintena de cultivadores participan este ano no evento mostrando as súas composicións e o seu bo facer en busca dun dos premios que se fallarán este domingo ás mellores variedades e aos conxuntos.

A mostra desenvólvese nunha superficie de aproximadamente 120 metros cadrados.

A inauguración contou coa presenza do alcalde de Vilagarcía, Albeto Varela, a deputada provincial Digna Rivas ou a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, entre outros.

RUTAS DA CAMELIA

A camelia non foi só protagonista en Vilagarcía, xa que este sábado tiveron lugar as tres primeiras das cinco rutas "Camelias e xardíns históricos", organizadas pola Deputación e que buscan permitir ás persoas visitantes gozar do patrimonio histórico e tamén do patrimonio natural da provincia.

As rutas realizadas, que esgotaran previamente as prazas dispoñibles, foron: "Camelias con lenda" no Castelo de Soutomaior e o Pazo de Lourizán; "Camelias e viñedos" polo Pazo Quinteiro da Cruz e o Pazo de Rubiáns; e "Camelias e Paseos" por Caldas de Reis, Pontevedra e o Pazo de Gandarón.