A campaña 'Caixas de ilusión' recolle 400 quilos de alimentos que se entregarán entre 50 familias de Poio

Poio
22 de decembro 2022

É unha iniciativa levada a cabo polos colectivos Moura Teatro e Os Queimatasas entre os meses de novembro e decembro para recadar produtos non perecedoiros ao longo de todo o municipio

Alimentos recollidos
Alimentos recollidos

O persoal de Servizos Sociais levará a cabo estes días o reparto dos alimentos non perecedoiros, uns 400 quilos aproximadamente, que os colectivos Moura Teatro e Os Queimatasas foron quen de reunir a través da campaña solidaria 'Caixas de ilusión'. 

Durante boa parte dos meses de novembro e decembro, a través desta iniciativa repartíronse caixas por numerosos locais, edificios públicos e establecementos de Poio, nas que os veciños fixeran entrega de todo tipo de produtos. 

Estas doazóns repartiranse entre arredor de 50 familias con menos recursos económicos do concello.

A esta cantidade hai que sumarlle os máis de 500 quilos que tamén se reuniron a través do festival solidario 'Nadal, con parte de ti', que tivo lugar o pasado día 11 en Combarro e que estivo promovido pola Asociación Virxe da Renda. 

Ademais, nestas tamén se iniciou o reparto de todos os xoguetes de segunda man doados pola veciñanza a través da campaña 'Ningunha crianza sen sorriso'.