A campaña de reparación de parques infantís e biosaudables de Sanxenxo comeza por Bordóns

Sanxenxo
25 de outubro 2022

A mellora terá un custo de 119.064 euros e inclúe un novo campo de petanca e chave no Espiñeiro

Parque biosaludable de Bordóns
Parque biosaludable de Bordóns

O Concello de Sanxenxo comezará a próxima semana en Bordóns coa posta a punto dos 25 parques infantís e biosaudables municipais. A adxudicataria dos traballos de mellora destes espazos municipais é Multiservicios Doval por un custo de 119.000 euros, unha cifra lixeiramente inferior respecto ao orzamento de licitación.

O desgaste provocado polo paso do tempo e, nalgúns casos, o uso inapropiado das instalacións provocou que non se atopen nun estado óptimo para o seu goce.

O contrato inclúe a renovación ou reparación de pezas en mal estado e a construción dun novo campo de petanca e chave no parque do Espiñeiro.

Os traballos realizaranse nun prazo máximo de dous meses e medio. En Dorrón actuarase no parque infantil e zona biosaudable de Areas; en Bordóns mellorarase o parque infantil de Outeiro e o parque biosaudable do Sear; en Padriñán melloraranse os parques de Miraflores, Panadeira e Punta Vicaño; en Adina actuarase nos parques de Baltar, Praza Pública, Espiñeiro, San Roque, Seame I, Seame II e o do campo de festas de Arra; en Noalla, nos parques da igrexa de Aios, Soutullo, igrexa de Noalla e A Revolta; en Vilalonga, nos parques da praza de abastos, Arnosa, Salgueira, Praza Pública e capela de Gondar; en Nantes mellorarase o parque de Contumil e o da igrexa.

Substitución de pezas de xogos, reparacións de elementos, eliminación de óxido ou renovación de valados e superficies son as necesidades máis recorrentes que presentan os parques do municipio. Unha posta a punto que inclúe tamén tarefas de mantemento durante un ano.

No apartado de melloras, valoradas en 7.900 euros, inclúese a limpeza inicial dos parques infantís e áreas biosaudables, a substitución do bordo de madeira por un de granito dos campos de chave e petanca que se instalarán no Espiñeiro e o cambio de tornillería e reforzo dos bancos por uns de aceiro inoxidable.