A empresa Multiservicios Doval comezou esta semana as tarefas de mantemento no parque do Outeiro, na parroquia de Bordóns, e seguirá nos próximos días na área biosaudable do Sear, nesta mesma parroquia.
Estas actuacións son, tal e como sinala o Concello de Sanxenxo, o primeiro paso do proxecto de posta a punto dos parques infantís municipais, no que a empresa adxudicataria dos traballos empezou por Bordóns.
As tarefas terán un custo de 119.064 euros e centraranse na substitución da superficie da área de xogo, o cambio de pezas en mal estado, a renovación do valado e a posta a piques dos elementos de xogo.
Sanxenxo conta cun total de 25 áreas lúdicas infantís. A substitución de pezas de xogos, reparacións de elementos, eliminación de óxido ou renovación de valados e superficies son as necesidades máis recorrentes que presentan os parques do municipio, derivadas do desgaste propiciado do paso do tempo e, nalgúns casos, o uso inapropiado das instalacións, que fixo que non se atopen nun estado óptimo para o seu goce.
En Dorrón actuarase no parque infantil e zona biosaudable de Areas; en Padriñán melloraranse os parques de Miraflores, Panadeira e Punta Vicaño; en Adina actuarase nos parques de Baltar, Praza Pública, Espiñeiro, San Roque, Seame I, Seame II e o do campo de festas de Arra; en Noalla, os parques da igrexa de Aios, Soutullo, igrexa de Noalla e A Revolta; en Vilalonga, os parques da praza de abastos, Arnosa, Salgueira, Praza Pública e capela de Gondar; e en Nantes mellorarase o parque de Contumil e o da igrexa.
No apartado de melloras, valoradas en 7.941 euros, inclúense dous campos de chave e petanca que se instalarán no Espiñeiro e o cambio de tornillería e reforzo dos bancos por uns de aceiro inoxidable.
O contrato inclúe, ademais, mantemento durante un ano.