A campaña do PSOE de cara o 12X terá presenza constante na rúa e acento nas políticas públicas

Pontevedra
06 de xuño 2020

O PSdeG-PSOE de Pontevedra entra en campaña electoral para "contribuír dende a provincia ao cambio na Xunta" o próximo 12 de xullo, levando a Gonzalo Caballero ata a presidencia dun goberno galego que "debe sumarse ao cambio" que representan o Goberno de España, a Deputación de Pontevedra e 21 concellos pontevedreses

Comité executivo provincial do PSdeG-PSOE reunido de xeito telemático PSdeG-PSOE de Pontevedra

O PSdeG-PSOE de Pontevedra entra en campaña electoral para "contribuír dende a provincia ao cambio na Xunta" o próximo 12 de xullo, levando a Gonzalo Caballero ata a presidencia dun goberno galego que, segundo o partido, "debe sumarse ao cambio" que representan o Goberno de España, a Deputación de Pontevedra e 21 concellos pontevedreses.

Para iso, o comité executivo provincial celebrou este sábado unha xuntanza telemática, baixo a presidencia do secretario xeral, David Regades, para preparar o mes de actividade no que os socialistas estarán en tódolos concellos da provincia "para facer ver á cidadanía que o cambio non só é posible, senón necesario".

"Seguimos sen estar de acordo con esta convocatoria electoral nun momento no que a Xunta de Galicia debería estar preocupándose pola saúde pública, pero unha vez feita, imos dar o máximo para mobilizar ao electorado progresista da nosa provincia que xa derrotou por cinco veces consecutivas ao Partido Popular", afirma Regades.

O socialismo pontevedrés xa formalizou a candidatura diante da xunta electoral provincial sen ningún cambio con respecto á lista presentada en abril con Gonzalo Caballero á cabeza. Ao tempo, David Regades, anunciou que estará "moi atento na vixiancia das garantías democráticas deste proceso electoral". Neste senso, expresa as súas "enormes dúbidas" polo nomeamento a dedo de 133 "coordinadores".

CENTROS DE DÍA E ESCOLAS INFANTÍS PECHADAS

A executiva dos socialistas pontevedreses recalcou que hai "amplos colectivos cabreados" no ensino, na saúde e nos servizos asistenciais galegos polo "abandono" dos centros de día e das escolas infantís, que permanecen pechadas "amosando unha gran insensibilidade cara as persoas máis vulnerables" que precisan de atención e coidados e unha "indiferencia absoluta" pola conciliación.

O secretario xeral pontevedrés anticipa que no PSdeG-PSOE "xa está a apretar o acelerador fronte a un PP que non quere campaña porque ten moito máis que agochar que amosar"..

"A día de hoxe, todo o mundo nesta provincia sabe que os concellos son a resposta aos problemas e que a única institución que os apoiou con cartos e con medios foi a Deputación de Pontevedra. Da Xunta nin un euro e tan só uns poucos paquetes de máscaras do Goberno de España aos que Feijoo cambiou a pegatina", concluíu Regades.