A campaña Nova Terra xa engalana o comercio local de Pontevedra

Pontevedra
14 de novembro 2020

O proxecto Nova Terra, impulsado pola Concellería de Promoción Económica e Turismo a través da plataforma #PonteLovers e coa colaboración da Deputación Provincial, comezaba a súa andaina en 24 comercios de Pontevedra situados na contorna das rúas Peregrina, Daniel de la Sota, García Camba, Castelao, Sagasta e a Glorieta de Compostela

Campaña Nova Terra Concello de Pontevedra

O proxecto Nova Terra, impulsado pola Concellería de Promoción Económica e Turismo a través da plataforma #PonteLovers e coa colaboración da Deputación Provincial, comezaba a súa andaina en 24 comercios de Pontevedra.

Estes establecementos atópanse situados na contorna das rúas Peregrina, Daniel de la Sota, García Camba, Castelao, Sagasta e a Glorieta de Compostela.  

A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, e a experta en visual merchandising Cany Juncal visitaban esta mañá diversos establecementos comerciais adheridos á campaña para comprobar o espectacular aspecto que locen os seus escaparates.

A campaña Nova Terra prolongarase durante dez días, polo que se agarda que se amplíe o número de negocios comerciais adheridos a este proxecto dinamizador das compras nas tendas de proximidade de Pontevedra. A edil socialista xa avanzaba que comercios doutras zonas da cidade terán a oportunidade de participar en experiencias similares no futuro, con especial incidencia nos barrios e no rural.

Ademais dos escaparates, instaláronse na rúa pérgolas con decoración a base de plantas e elementos naturais para dar continuidade á estética dos diferentes establecementos. A edil socialista manifestaba que esta ambientación serve para animar "unha vez máis á xente que, cumprindo as medidas de seguridade, consuman no comercio local, veñan, vexan e consuman". Neste sentido, destacaba a grande "implicación dos comercios na decoración e no escaparatismo".