A candidatura socialista ás Cortes Xerais tomou este sábado o tren de Cercanías para poñer en valor a aposta do Goberno de España para potenciar o transporte gratuíto e apoiar á cidadanía a superar os efectos prexudiciais nas súas economías domésticas da guerra de Ucraína.
Case 40.000 pontevedreses beneficiáronse, no que vai de ano, da gratuidade das viaxes en tren no eixe Atlántico ferroviario entre Vigo e A Coruña.
David Regades, número 1 do PSOE ao Congreso pola provincia de Pontevedra, acompañado de Leticia Gallego, tomou o Cercanías das 11.00 horas na estación de Urzaiz e de aí partiu cara a Pontevedra, onde se incorporou ás 11.15 horas a candidata ao Congreso Marica Adrio e a responsable de Xuventudes Socialistas e suplente na lista do Congreso, Estrela Vilacoba. Na chegada á estación de Vilagarcía, ás 11.29 horas, foron recibidos polo candidato ao Congreso Modesto Pose, acompañado do alcalde, Alberto Varela; o deputado Julio Torrado e a concelleira Paola María.
Regades aproveitou a viaxe para recordar que a candidata do PP, Ana Pastor, prometeu na mesma estación de Pontevedra construír unha vía verde a Arcade, aproveitando as vías en desuso. "Estivo seis anos de ministra de Fomento e non moveu un papel; pero a Ana Pastor sempre se lle deu moi ben prometer e moi mal executar; de feito bateu tódolos records de baixa execución no Ministerio", destacou.
Así, lembrou que tamén prometeu a chegada do AVE a Galicia en 2018 ou a que as obras da Variante de Cerdedo comezarían en 2016, ao igual que a reforma do nudo de Bombeiros en Pontevedra.