Sen subdelegado, pero coa mesma solemnidade que cada ano. Así se celebrou este luns o adiantado Día da Constitución na Subdelegación do Goberno en Pontevedra. Tras a xubilación do seu antigo representante, Antonio Coello, aínda non se nomeou substituto, pero tal circunstancia non foi óbice para organizar o acto e condecorar a 21 efectivos das Forzas de Seguridade do Estado que durante o último ano distinguíronse polo seu bo facer.
Carlos López Bran é un deles. Antes do seu paso á reserva, acumulou 19 anos de servizo en unidades da agrupación de Tráfico da Garda Civil, os sete últimos ao mando do destacamento de Vilaboa. Este luns impuxéronlle a Medalla ao Mérito da Seguridade Viaria pola súa "trayectoria profesional, su entusiasmo en el desempeño del trabajo, y constante esfuerzo por la prestación de un servicio de calidad a los ciudadanos". Tamén lle fan merecedor da medalla a súa responsabilidade e dedicación, que "exceden de forma muy notoria a las exigibles en el desarrollo normal de su actividad profesional".
A súa foi a única Medalla ao Mérito da Seguridade Viaria, pero o acto condecoró a outras 20 persoas, cinco con Encomendas ao Mérito Civil e 15 con Medallas ao Mérito da Protección Civil. A todos felicitoulles un a un o subdelegado do Goberno na Coruña, Jorge Atán, que presidiu o acto ante a falta de subdelegado pontevedrés.
Jorge Atán, foi o encargado de pronunciar o único discurso en representación do delegado do Goberno destacou as virtudes da Carta Magna e os logros que facilitou en toda España. Tamén en Pontevedra, da que destaca que, 38 anos despois da súa aprobación, é unha provincia "pujante en sectores clave de la economía gallega y española, principal foco de expansión demográfica de la comunidad y reflejo del dinamismo cultural de Galicia".
Non faltaron as alusións a Antonio Coello, presente no acto como público tras xubilarse o pasado 26 de novembro deixando atrás case cinco anos no cargo. Atán destacou que durante o tempo que estivo no cargo produciuse unha mellora substancial dos índices de seguridade na provincia, logrou desmantelar a trama extorsionadora dos Moróns e potenciouse unha colaboración estreita cos concellos desta provincia.
Durante o acto recibiron a Encomenda ao Mérito Civil Manuel Bouzas Canosa, comisario provincial da Policía Nacional; Ramón Díaz Rodríguez, xefe provincial de Operacións en funcións da Comisaría Provincial; Manuel Ada Adan, xefe de Sección Operativa da Brigada de Seguridade Cidadá da Comisaría de Vigo-Redondela; Pablo Pallarés Conde, inspector delegado de prensa de Vigo; e José María Asorey Salgueiro, inspector xefe xubilado recentemente xubilado en Pontevedra.
As medallas ao mérito da Protección Civil recoñeceron intervencións de gardas civís como o axente do subsector de Tráfico de Pontevedra Francisco Javier Illán Díaz que, estando fóra de servizo, tivo unha actuación exemplar no incendio declarado o 1 de febreiro de 2016 nun edificio da praza da Ferrería, salvando a vida dunha persoa que se atopaba dentro do edificio adxacente ao que estaba en chamas.
Da Policía Nacional destaca a intervención dos axentes de Pontevedra Raúl Fernández Barcia e José Manuel Graña Martínez, pola súa intervención estando de servizo reducindo e detendo a un individuo que portaba un machete e atemorizaba e ameazaba aos transeúntes na barriada dos Salgueiriños. De ambos se destacou que actuaron "poñendo en risco a súa integridade física e a súa vida".