A celebración da Festa da ameixa está supeditada á situación da toxina

Poio
12 de setembro 2022

Xosé Luís Martínez, concelleiro de Festexos, avanza de que, no caso de que os resultados desboten a posibilidade de extraer ameixa babosa autóctona, o evento quedará aprazado

Marisqueo de Lourizán Mónica Patxot

O concelleiro de Festexos, Xosé Luís Martínez, informou de que o Concello de Poio está moi pendente da evolución da toxina para determinar se a XXXIV Festa da Ameixa de Campelo se pode celebrar durante a vindeira fin de semana, tal e como estaba previsto. 

O peche de actividade nos polígonos que se vén rexistrando nas últimas datas imposibilita a obtención da ameixa babosa. 

Neste sentido, o edil do Goberno local sinala que "no seu momento apostamos pola data habitual para recuperar o evento con toda a programación, despois de dous anos sen poder celebrarse por mor da pandemia, pero de momento a extracción da ameixa non se pode levar a cabo".

Martínez sinala que este mércores pola tarde coñecerase a decisión definitiva. Será entón cando se leven a cabo as últimas análises previas ás datas marcadas para a festa. "Se os resultados son óptimos e o sector pode volver a saír a faenar a Festa da Ameixa celebrarase na fin de semana. Do contrario, verémonos na obriga de aprazala ata que a situación mellore". 

O concelleiro ten moi claro que "para nós é un requisito indispensable que no evento gastronómico a ameixa babosa autóctona sexa a indiscutible protagonista, non contemplamos outra posibilidade".

O responsable de Festexos mantense en contacto permanente co patrón maior da Confraría de Raxó para coñecer a evolución da situación. "Imos agardar a coñecer os resultados do mércores. Se para entón a situación mellora, disporíamos de tempo suficiente para extraer as cantidades necesarias para celebrar a degustación, tal e como nos garante o sector". 

Inicialmente, a intención do Concello era desenvolver a cita desde o venres 16 ao domingo 18, coa degustación tanto o sábado como o propio domingo.