O próximo 5 será o primeiro venres de marzo, unha data na que se celebra a tradición relixiosa das Tres Grazas. Ese día miles de pontevedreses acoden á capela da rúa Tetuán diante da imaxe do Nazareno, para solicitar a súa intercesión.
Pero tamén a pandemia propiciou algúns cambios nesta tradición.
As limitacións de aforo motivaron o traslado da imaxe de Xesús Nazareno á igrexa de San Bartolomeu, onde xa loce nun lugar destacado.
Para o vindeiro venres, día da festividade, estableceranse percorridos para entrar na igrexa e controlarase o aforo. Obviamente tamén se elimina o xesto de bicar os pés da talla. A recomendación é que se substitúa por unha reverencia para evitar contaxios.
As Tres Grazas están relacionadas coas tres caídas que sufriu Cristo durante a subida coa cruz desde o pretorio ao monte do Calvario, e que se evocan no Vía Crucis.