A chegada de turistas ás Rías Baixas logra na ponte de decembro 26 puntos máis ca en 2015

Pontevedra
16 de decembro 2016

Os resultados foron desiguais por comarcas, sendo especialmente positivos os da zona do Salnés (52%) e a área de influencia de Vigo (53%). En Pontevedra a ocupación foi do 50%, 25 puntos por riba do que estimaba Turismo Rías Baixas

Turistas en Pontevedra
Turistas en Pontevedra / Cristina Saiz

O turismo mantén una liña crecente nas Rías Baixas e este ano 2016 non para de bater récords. Os últimos resultados positivos foron os da ponte  festiva da Constitución e a Inmaculada este mes de decembro, na que as previsións falaban dunha ocupación hoteleira na provincia de Pontevedra do 40% e finalmente se acadou o 46,75%.

Estes resultados supoñen, segundo dos datos facilitados pola presidenta da Deputación, Carmela Silva, "26 puntos por riba que a mesma ponte do 2015".

Os resultados foron desiguais por comarcas, sendo especialmente positivos os da zona do Salnés (52%) e a área de influencia de Vigo (53%). Algunas localidades en concreto mesmo tiveron ocupacións similares ás dos meses de verán. Así, en Vilagarcía chegou ata o 70%, no Parador de Cambados houbo preto do 100% e na cidade de Vigo houbo porcentaxes de ata o 80% na primeira parte da ponte.  

En Pontevedra a ocupación foi do 50%, 25 puntos por riba do que estimaba Turismo Rías Baixas, que nas previsións facilitadas ao inicio da ponte sinalaba que non se acadaría o 30%.

Segundo o perfil facilitado por Carmela Silva, o 89% dos visitantes da ponte foron españois, aínda que houbo un notable incremento do turismo alemán e inglés; a maioría tiñan entre 35 e 60 anos e viñan de cidades como Madrid e Barcelona para aloxarse en Sanxenxo, Vigo e O Grove durante 1 e 3 días.

Un dos datos que máis positivo resulta para a responsable da Deputación é que o 62% non coñecían as Rías Baixas antes, o que significa que a provincia segue a gañar novos visitantes e potenciais repetidores. 

No seu balance en materia turística, Carmela Silva tamén indicou este venres que as oficinas de información turística da institución situadas no Palacete das Mendoza e no Mosteiro de Armenteira acaban de recibir a renovación da certificación 'Q' de Calidade Turística, outorgada polo ICTE (Instituto de Calidad Turística Española) e que será entregada co gallo de Fitur.