A cidadanía participará de xeito directo na elaboración da 'axenda urbana' cos retos do futuro da cidade

Pontevedra
20 de xuño 2022

Vanse instalar mesas en diferentes barrios da cidade nas que a poboación poderá responder un cuestionario aberto e breve sobre os puntos básicos de elaboración deste documento.  Haberá cuestionarios especiais para recoller a opinión dos máis cativos da cidade, que poderán achegar "información moi valiosa que debemos ter para o documento que vai marcar o futuro da nosa cidade"

Anabel Gulías, portavoz do goberno local
Anabel Gulías, portavoz do goberno local / Mónica Patxot

A cidadanía participará de maneira directa no proceso de elaboración da chamada 'axenda urbana', un documento estratéxico que vai definir os retos de futuro de Pontevedra. Veciñanza de todos os barrios e tamén os máis cativos poderán facer as súas achegas durante o proceso de redacción. 

Así o deu a coñecer este luns a portavoz do Goberno local, Anabel Gulías. A Xunta de Goberno aprobou este luns iniciar a contratación do plan de comunicación e a elaboración do documento coa súa diagnose e, dentro desta fase, é cando vai haber un proceso de participación maior. Saíron a licitación por 169.989 euros

Dentro do proceso de diagnose o Concello considera "interesante" facer un plan de participación "novidoso" no que irán "un pouco máis aló" para chegar á cidadanía dun xeito "máis directo, real e próximo". 

En concreto, van instalar mesas en diferentes barrios da cidade nas que a poboación poderá responder un cuestionario aberto e breve sobre os puntos básicos de elaboración deste documento. 

O cuestionario vai estar a disposición de toda a veciñanza que o desexe e tamén haberá cuestionarios especiais para recoller a opinión dos máis cativos da cidade, nenas e nenos que tamén poderán achegar "información moi valiosa que debemos ter para o documento que vai marcar o futuro da nosa cidade". 

Tamén se realizarán as tradicionais reunións participativas coas chamadas "forzas vivas da cidade", que incluirá a todo tipo de entidades, o Consello Económico e Social, colectivos ecoloxistas, asociacións de nais e pais ou consellos parroquiais. 

Ademais, paralelamente estase realizando un proceso participativo dentro do plan de mobilidade urbana e o seu resultado tamén se terá en conta á hora de elaborar esta 'axenda urbana'.

A fase de recollida de opinión durará uns 15 días, pero logo demorarase o procesado da información. En total, o prazo de execución será de catro meses.