A Cidade da Cultura promove coa UVigo unha residencia artística para o deseño dun videoxogo

Pontevedra
01 de febreiro 2022

A finalidade desta residencia artística é que un total de 16 estudantes desenvolvan durante as fins de semana de marzo e abril o prototipo dun videoxogo, coordinados por investigadores do grupo de innovación docente ComTecART, que aúna distintas titulacións de comunicación, tecnoloxía e arte da UVigo

Beatriz Legerén, integrante de ComTecArt; Jorge Soto, vicerreitor do campus de Pontevedra; e Ana Isabel Vázquez, directora xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia
Beatriz Legerén, integrante de ComTecArt; Jorge Soto, vicerreitor do campus de Pontevedra; e Ana Isabel Vázquez, directora xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia / Mónica Patxot

A Vicerreitoría do campus de Pontevedra presentaba este martes a convocatoria para participar nunha residencia artística na Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela.

Este proxecto xorde da colaboración entre a Universidade de Vigo e a Xunta de Galicia, a través da Fundación Cidade da Cultura. A finalidade desta residencia artística é que un total de 16 estudantes desenvolvan durante as fins de semana de marzo e abril o prototipo dun videoxogo, coordinados por investigadores do grupo de innovación docente ComTecART, que aúna distintas titulacións de comunicación, tecnoloxía e arte da UVigo.

Ao acto de presentación asistiron Jorge Soto, vicerreitor do campus de Pontevedra; Ana Isabel Vázquez, directora xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia; e Beatriz Legerén, integrante de ComTecArt.

Beatriz Legerén explicaba que para desenvolver un videoxogo é preciso ir máis aló da programación, xa que se mestura arte, narrativa, tecnoloxía e xestión de proxecto. Estes son os aspectos que se traballarán na residencia artística, na que o alumnado vai deseñar a primeira fase dun videoxogo, un programa de software similar ao que se presenta ás empresas do sector para obter financiamento. 

Con esta idea de sumar diferentes perfís de alumnado, a residencia artística está aberta a calquera estudante dos tres campus da Universidade de Vigo: Pontevedra, Vigo e Ourense. A residencia artística cubre o transporte ata a Cidade da Cultura de Galicia desde os tres campus, dietas e pernoita durante as fins de semana en que se vai desenvolver este proxecto.

As datas da residencia artística para o desenvolvemento do prototipo dun videoxogo serán 5, 6, 12, 13, 19, 20, 26 e 27 de marzo, e 2 e 3 de abril. As xornadas serán presenciais en Santiago agás a fin de semana do 19 e 20 de marzo, que terá as sesións online.

Ana Isabel Vázquez, a directora xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, explicaba que a institución quere ser "unha factoría de contido" na que dar visibilidade a creadores emerxentes e, como neste caso, a estudantes, científicos e docentes. Este é o sentido das residencias artísticas que a Cidade da Cultura puxo en marcha hai un ano, no eido teatral e o audiovisual. A idea é ir abríndoas a máis medios de expresión, como é o caso dos videoxogos.

Pola súa banda, o vicerreitor do campus Jorge Soto anunciaba que este proxecto conxunto entre a Universidade de Vigo e a Xunta de Galicia vai ter continuidade na próxima sinatura dun convenio marco de colaboración para desenvolver diferentes actividades, como investigacións, cursos, seminarios, intercambio de publicacións, fomento da mobilidade de estudantes e promoción da igualdade de oportunidades entre homes e mulleres.