A CIG levou a cabo no serán deste martes mobilizacións nas principais localidades galegas durante este martes. En Pontevedra, representantes da central nacionalista concentrábanse na praza da Peregrina baixo o lema 'Xa é hora de recuperar os nosos dereitos'.
Con esta protesta, a CIG quere derrogar e anular todas as reformas antiobreiras e antisociais que se impuxeron durante o período da crise económica. O sindicato galego esíxelle ao goberno do socialista Pedro Sánchez a derrogación das reformas laborais, que provocaron a perda de poder adquisitivo da clase traballadora.
Piden ao novo presidente do Goberno que busque a correlación de forzas para levar a cabo un cambio de políticas para que leven a cabo avances reais nos dereitos das mulleres; terminar coas privatizacións dos servizos públicos e o retroceso nas liberdades e dereitos fundamentais.
Desde a CIG faise un chamamento para que a cidadanía continúe mobilizándose para demostrar a disposición de loita ante as inxustizas e reclamar un calendario para recuperar os dereitos que permitan contratos laborais dignos e a subida das pensións.
Ao acto asistiron o parlamentario do BNG Luis Bará e os concelleiros Anabel Gulías e Alberto Oubiña.