A CIG reivindica un sistema de pensións público e digno

Pontevedra
22 de maio 2018

A central sindical levou a cabo unha concentración na praza da Peregrina para reclamar ao Goberno do Estado un sistema público de pensións que garanta que se cobren hoxe e tamén no futuro

Mobilización da CIG para reclamar pensións dignas
Mobilización da CIG para reclamar pensións dignas / Mónica Patxot

A CIG levou a cabo unha concentración durante este martes para reclamar emprego, salarios e pensións dignas. A protesta desenvolvíase na praza da Peregrina con representantes da central sindical, do colectivo de emigrantes retornados e da sección de xubilados. 

Este acto é un paso máis para a folga xeral prevista para o próximo 19 de xuño, convocada polo sindicato CIG. A central nacionalista atribúe ao PSOE e ao PP as consecuencias da situación actual derivada das diferentes reformas aprobadas nos anos 2011 e 2013.

Denuncian que máis da metade das pensións galegas son inferiores ao salario mínimo e son das máis baixas en todo o Estado. Marcos Conde, secretario comarcal do sindicato, sinala que é necesario saír á rúa para presionar ao goberno e provocar un cambio de políticas co obxectivo de que se atendan as demandas sociais.

Desde a CIG lembra que o sistema público de pensións é unha conquista da clase traballadora a través de décadas de loita e alertan da necesidade de conservar estes dereitos da clase traballadora. O sindicato sinala que as pensións públicas son viables e deben garantirse de fronte ao futuro.

A esta manifestación asistiron o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, os concelleiros Carme da Silva, Demetrio Gómez, Anabel Gulías e a deputada provincial Eva Vilaverde.