A cociña solidaria derruba muros no Pazo da Cultura

Pontevedra
20 de decembro 2016

Oito cociñeiros elaboraron tapas solidarias no evento 'Cociñando sen muros', organizado polo Grupo Nove, co obxectivo de recadar fondos para os bombeiros de Lesbos. Centos de persoas asistiron a este acto que contou con interpretacións musicais. Recadáronse 6.135 euros

Noite gastronómica solidaria: 'Cociñando sen muros' Mónica Patxot

Gastronomía e música déronse a man no Pazo da Cultura de Pontevedra durante a noite deste luns organizado por oito cociñeiros do Grupo Nove que ofrecían tapas solidarias para recadar diñeiro para a asociación PROEM-AID, bombeiros da Illa de Lesbos.

Os cociñeiros Pepe Solla, Javier Oleiros, Iñaki Bretal, Eduardo Prado, Álvaro Villasante, Héctor López, Antonio Botana e Roberto Filgueira elaboraron tapas sorprendentes como a de atún en agridoce de pemento, rabo de vaca de Bandeira con castañas, pescado de baixura encurtido con vinagreta de tomate seco ou a vieira marinada, lima e soia.

Centos de persoas achegáronse ata o vestíbulo do Pazo da Cultura, que tamén contaba cun espazo para acoller as actuacións musicais a cargo de Nicolás Pastoriza, o cociñeiro Pepe Solla e o catador Juanjo Figueroa Treus, nunha maridaxe especial entre o mundo da alimentación e o musical.

Ademais, o fotógrafo Óscar Vifer presentaba a súa exposición "Dinghy" sobre a viaxe que realizara aos campos de refuxiados de Grecia.

Todas as persoas que non puideran asistir pero queiran colaborar axudando aos refuxiados en lesbos poden facer os seus donativos a través da Fila Cero habilitada na conta da asociación ES49 1491 0001 2021 75491022.

Durante esta sesión recadáronse 6.135 euros.