A colleita 2015 da D.O. Rías Baixas, cualificada como "moi boa"

Pontevedra
29 de xuño 2016

Entre o 1 de agosto de 2015 e o 31 de maio de 2016 verificáronse na Denominación de Orixe Rías Baixas un total de 17.430.301 litros, o que supón un incremento do 23% con respecto ao mesmo período anterior

Presentación da colleita 2015 da Denominación de Orixe Rías Baixas Consello Regulador da D.O. Rías Baixas

O Pleno do Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida Rías Baixas cualificou a colleita 2015 como "moi boa" e aprobou un informe no que se detalla que entre o 1 de agosto de 2015 e o 31 de maio de 2016 verificáronse na D.O. un total de 17.430.301 litros, o que supón un incremento do 23% con respecto ao mesmo período anterior. 

O presidente do Consello Regulador, Juan Gil de Araújo, fíxoo público este mércores durante un encontro cos medios especializados celebrado en Madrid. Este xoves, esta colleita será presentada a prescriptores e ao consumidor final durante un túnel do viño que se celebrará en Bilbao coa participación de 52 adegas con 83 marcas.

Segundo a información facilitada por Rías Baixas, desde o Panel de Cata indican que os viños presentan "unhas boas condicións para a súa garda". Na opinión coinciden con expertos catadores de medios de comunicación, guías, catadoras e demais prescriptores.

Juan Gil de Araújo explica que "como en 2015 as condicións meteorolóxicas acompañáronnos durante o ciclo vexetativo, despois dun verán suave e seco, a vendima desenvolveuse en boas condicións, obtendo mostos con boa gradación e cunha boa acidez".  

Desde o Panel de Cata do Consello Regulador coinciden en sinalar que os viños da colleita 2015 posúen unha alta intensidade aromática. Ademais, destacan pola súa alta tipicidade, a súa lixeira acidez compensada cunha boa estrutura, que os fai frescos, longos en boca e con moita vida.

A valoración da colleita é unha das funcións que a lexislación galega delega no Pleno dos Consello Reguladores. No caso de Rías Baixas, o acordo que adopta o órgano reitor susténtase no informe técnico redactado polo Órgano de Control e Certificación do Consello Regulador, responsable da acreditación dos viños.