A concesionaria do centro deportivo de Campolongo leva o Concello ante os tribunais

Pontevedra
11 de outubro 2022

A empresa BeOne, concesionaria do centro deportivo municipal de Campolongo, reclama unha compensación de 418.550 euros pola caída prevista dos seus ingresos como consecuencia da pandemia. Tras non chegar a un acordo co Concello, o asunto resolverase nos tribunais

Piscina do centro deportivo municipal de Campolongo
Piscina do centro deportivo municipal de Campolongo / Mónica Patxot

A empresa BeOne, concesionaria do centro deportivo municipal de Campolongo, reclama unha compensación pola caída prevista dos seus ingresos como consecuencia da pandemia.

Para compensar estas perdas, provocadas polos meses que estivo pechado ou con aforos limitados polas autoridades sanitarias, reclamou ao Concello, a través dun plan de reequilibrio financeiro ao que ten dereito, unha indemnización de 418.550 euros.

En caso contrario, pedía que se ampliase a súa concesión para compensar esas perdas con máis anos de contrato para xestionar este complexo deportivo.

Pero, despois de que os técnicos municipais estudasen o asunto, o Concello ofreceulles condonar o aval que debe pagar por explotar estas instalacións. BeOne non pagaría as cantidades correspondentes aos anos 2020, 2021 e parte de 2022.

En total, supoñería que a empresa deixaría de pagar ás arcas municipais algo máis de 155.000 euros, un aforro que aos directivos de BeOne pareceulles escaso ante a caída de ingresos.

Así, tras descartar este acordo, a compañía deportiva optou por levar o asunto aos tribunais e presentou unha demanda perante o xulgado do contencioso administrativo número 1 de Pontevedra, que deberá examinar as pretensións de ambas as partes.

A portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías, descartou a posibilidade de poder chegar a un acordo que evite chegar a xuízo, xa que o procedemento administrativo está regrado e o que existe é unha discrepancia entre cantidades que o Concello deixa en mans da xustiza.