A conselleira de Medio Ambiente replica á ministra Ribera: "non enganamos desde a Xunta de Galicia, informamos"

Pontevedra
29 de marzo 2021

Nas últimas horas a ministra lamentaba nun fío de Twitter escrito en galego as "mentiras" difundidas sobre a Lei de Cambio Climático

Ángeles Vázquez, conselleira de Medio Ambiente Mónica Patxot

A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez replicou á ministra de Transición Ecolóxica, Teresa Ribeira dicindo que "non enganamos desde a Xunta de Galicia, informamos".

Nas últimas horas a ministra lamentaba nun fío de Twitter escrito en galego as "mentiras" difundidas sobre a Lei de Cambio Climático, reiterando que "non afecta a ningunha das concesións xa outorgadas" na liña de costa "nin ás súas prórrogas legais", incluída a de Ence, que depende dos tribunais.

Ángeles Vázquez respondeu este luns que "do que estou segura é que non mente Galicia, non mente a Xunta de Galicia, non mente a conselleira de medio Ambiente, non mente a conselleira do Mar".

A conselleira lembrou que a Xunta ten un informe elaborado pola Asesoría Xurídica autonómica que conclúe que o artigo 18.4 desta Lei de Cambio Climático é "frontalmente inconstitucional", ademais de determinar que este apartado da norma e o 18.3 son "contrarios á seguridade xurídica". 

Ángeles Vázquez lembrou que este informe foi enviado a pasada semana á vicepresidenta cuarta do Goberno do Estado polo que dixo que "eu o que lle diría á ministra é que se deixe de tanto twittear e se poña a traballar e que nos conteste a este ditame ou que realice un ditame por parte da Avogacía do Estado".

A conselleira de Medio Ambiente asegurou que "Galicia ten un problema se segue para adiante a Lei de Cambio Climático nos termos preestablecidos" e tamén advertiu de que "tamén ten un problema o Goberno central" porque as empresas afectadas "poderían pedir as indemnizacións precisas" e, en segundo lugar, porque esta norma "ten retroactividade".

A conselleira sinalou que a lei é "clarísima" ao establecer un máximo de 75 anos para as concesións en dominio público, incluídas as súas prórrogas. 

Ángeles Vázquez indicou que a propia ministra informou o pasado mes de febreiro que hai "49 expedientes sen resolver" de empresas da cadea mar-industria en Galicia situadas en terreo de dominio público marítimo terrestre que teñen ou que poderían verse en problemas para ver renovada a súa concesión. Ademais o Ministerio tamén detallaba que "das 33 concesións outorgadas só 7 son para usos da súa natureza e outras 3 xa se excederon do prazo de 75 anos".

A conselleira explicou que desde a Xunta de Galicia "o que fixemos é enviar aos concellos a notificación co instrumento necesario para que saiban que edificacións poden ter problemas" para que "tomen as determinacións oportunas".