A crise de materias primas atrasa o remate das obras do Paseo Alcalde Blanco de Marín

Marín
29 de outubro 2021

A alcaldesa María Ramallo visitou este venres as obras, que seguen avanzando na construción dunha zona de xogos acuáticos

Visita da alcaldesa de Marín, María Ramallo, ás obras do paseo Alcalde Blanco
Visita da alcaldesa de Marín, María Ramallo, ás obras do paseo Alcalde Blanco / Concello de Marín

A alcaldesa de Marín, María Ramallo, e as concelleiras Marián Sanmartín e Cristina Acuña, visitaron este venres xunto cos técnicos municipais e os traballadores da empresa adxudicataria, as obras do Paseo Alcalde Blanco. O proxecto está moi avanzado, pero a crise de subministros que se está a producir a nivel global está a retrasar a colocación dalgúns elementos, como as madeiras das bancadas ou certas cuestións do establecemento hostaleiro da punta.

Con todo, si que seguen a avanzar na colocación do que será un dos grandes atractivos do novo Paseo Alcalde Blanco: os novos xogos de agua. A zona de ocio conta con cinco elementos que se activan a través dunha botoneira táctil, para activar un circuito de 4 minutos durante os que sae auga, creando un circuito lúdico que permite mollarse e resfrescarse de cara ao verán. Trátase dun circuito pechado, que conta con dous desaugadoiros que recollen toda a auga que sae dos elementos para reutilizala no momento no que se volven activar.

No que respecta ao local de hostalería, estase a traballar na creación dos pregos para a concesión do mesmo, que definirán a súa execución. A alcaldesa avanzou a pé de obra que a reconfiguración do paseo será “unha oportunidade para redesfrutar este espazo privilexiado que temos, cunha nova distribución e estética”.

A obra, que está cofinanciada nun 80 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional da Unión Europea, ten un orzamento total de 1.135.000 euros e forma parte da estratexia de desenvolvemento urbano sostible Marín Dusi. 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora