A de Benito Corbal será unha intervención "lixeira": custará 218.000 euros

Pontevedra
08 de febreiro 2018

Unha intervención "lixeira" na que "non imos desmontar todo" senón tan só ampliar as beirarrúas. Así describiu o concelleiro de Obras, Demetrio Gómez, o proxecto de reforma urbana da rúa Benito Corbal, entre Cobián Areal e Sagasta

Rúa Benito Corbal, Pontevedra
Rúa Benito Corbal, Pontevedra / Mónica Patxot

Unha intervención "lixeira" na que "non imos desmontar todo" senón tan só ampliar as beirarrúas. Así describiu o concelleiro de Obras, Demetrio Gómez, o proxecto de reforma urbana da rúa Benito Corbal, entre Cobián Areal e Sagasta.

O Concello investirá 218.000 euros nesta obra, que terá un prazo de execución de catro meses. Permitirá, explicou o edil do BNG, mellorar a calidade de vida dos veciños da zona e a mobilidade tanto dos peóns como dos vehículos privados.

Benito Corbal, entende Gómez Junquera, é unha zona "conflitiva" da cidade, pois nela conviven " moitos intereses". Por iso é polo que o goberno municipal entenda que é "imprescindible" ampliar os espazos para os peóns e, a partir dese punto, reordenar o resto da rúa para os coches.

Así, os vehículos quedarán "confinados" nun único carril que terá 3,20 metros de ancho. As beirarrúas pasarán a medir 4 metros cada unha e terán a mesma estética que as actuais.

Os 51 aparcadoiros que hai na rúa quedarán reducidos á metade, segundo Demetrio Gómez, e limitados á beira dereita da circulación. Serán todos, en principio, estacionamentos reservados para servizos.

Tamén se reasfaltará todo o carril de circulación, desaparecerán todas as acacias ao lado esquerdo da rúa -para permitir o paso de desfiles- e colocaranse reductores de velocidade en todos os pasos de peóns. O cruzamento entre Benito Corbal, Blanco Porto e Javier Puig converterase, ademais, nunha plataforma elevada.

"O que gañamos é un aumento de espazos para a circulación peonil e para os servizos, afondando no noso obxectivo de crear unha cidade moi dinámica", resumiu o concelleiro de Obras.

O proxecto será presentado esta tarde aos comerciantes da zona que, na medida do posible, poderán realizar as súas propias achegas.