A Deputación achegará ao concello 500.000 euros para o saneamento do río dos Gafos

Pontevedra
21 de setembro 2015

O vicepresidente provincial, César Mosquera, asegura que se trata dun proxecto "fundamental" que eliminará as constantes verteduras

César Mosquera, vicepresidente da Deputación
César Mosquera, vicepresidente da Deputación / Mónica Patxot

A Deputación de Pontevedra achegará 500.000 euros para realizar o saneamento do río de Os Gafos. Así se aprobou este luns na comisión informativa de Economía, Facenda e Réxime Interno, á que se levou unha proposta de modificación de crédito.

O vicepresidente provincial e deputado responsable da área, César Mosquera, lembrou que a mellora da canle fluvial no seu tramo urbano e rural é un proxecto "fundamental" para o municipio de Pontevedra que leva parado moitos anos e que debe saír adiante canto antes, xa que as verteduras de augas residuais polos desbordamentos das arquetas son constantes.

O novo proxecto de mellora da rede de sumidoiros do río de Os Gafos foi redactado por técnicos municipais e aprobado inicialmente pola Xunta de Goberno do Concello de Pontevedra en xullo do 2014. 

A actuación consiste na reparación e substitución dos colectores e na impermeabilización ou cambio dos pozos situados ao longo do río. O primeiro tramo da actuación irá entre a avenida da Estación e a rúa Otero Pedrayo, onde se substituirán 400 metros de canalizacións e repoñeranse conexións de augas pluviais e fecais. O segundo tramo vai paralelo á senda peonil do río, entre Otero Pedrayo e Lusquiños (Tomeza), onde se cambiarán 1.740 metros de tubaxes e 80 pozos. En todas as zonas nas que sexa posible os tubos alonxaranse da canle do río. A execución, segundo estiman os técnicos municipais, podería ter uns seis meses de prazo de execución e un custe de case 1,2 millóns de euros.

A colaboración da deputación provincial no saneamento dos Gafos xorde polo coñecemento da necesidade de actuación urxente no río. De feito, o vicepresidente, César Mosquera lembrou que outras administracións se desentenderon deste proxecto a pesares de telo incluído hai anos nun convenio co Concello de Pontevedra.

"A Deputación vai colaborar nun proxecto ao que o goberno local de Pontevedra lle da prioridade e a nosa vontade é ir da man dos concellos", sinalou.

O proxecto para o saneamento dos Gafos estaba incluído no dossier de actuacións necesarias entregado polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, á presidenta provincial, Carmela Silva, no encontro mantido hai uns días.