Valoran en 10 millóns de euros o protocolo asinado entre o Concello de Pontevedra e a Deputación

Pontevedra
18 de novembro 2015

A presidenta da Deputación, Carmela Silva e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, asinaron un protocolo de colaboración sobre infraestruturas viarias e dotacionais, valorado de maneira global nuns dez millóns de euros, aproximadamente

Carmela Silva e Miguel Anxo Fernández Lores
Carmela Silva e Miguel Anxo Fernández Lores / Cristina Saiz

A presidenta da Deputación, Carmela Silva e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, asinaron un protocolo de colaboración sobre infraestruturas viarias e dotacionais, valorado de maneira global nuns dez millóns de euros, aproximadamente.

Trátase dun acordo marco que acollerá no futuro as actuacións conxuntas que ambas as institucións desenvolverán durante o próximos catro anos.

Fernández Lores agradeceu a formulación do novo goberno da Deputación "de ter en consideración a opinión e as necesidades dos concellos" á hora de pechar este tipo de acordos. "Neste caso cúmprese na súa totalidade o enfoque que lle queremos dar", engadiu.

Neste sentido, o alcalde da capital lembrou que outros acordos subscritos coa Xunta ou co Ministerio de Fomento "eran puntuais" e que nalgúns casos foron "escasos". Respecto ao anterior goberno provincial presidido por Rafael Louzán sinalou que os acordos que se asinaron "eran a salto de mata, sen planificación previa".

Carmela Silva mostrou a súa "satisfacción" por este acordo conxunto que, ao seu xuízo, ratifica o compromiso que o PSOE e o BNG marcaron ao asumir o goberno provincial "son os concellos os que teñen o protagonismo desta nova Deputación", afirmou.

O alcalde indicou que entre outros investimentos incluirase o novo acceso ao barrio de Monte Porreiro e o saneamento das parroquias de Mourente e Bora, e o do río Gafos "dado que a Xunta non cumpriu", dixo o alcalde.

Tamén se corrixirá o "déficit de infraestruturas deportivas" do municipio coa construción de novos campos de herba sintética e un novo pavillón de competición.

Finalmente, inclúese a recuperación da Xunqueira de Alba, onde existen instalacións do Ministerio de Medio Ambiente, da Xefatura provincial de Tráfico e a sede do Parque de Maquinaria e a Imprenta Provincial. A intención do Concello de Pontevedra é que no espazo que agora ocupan estas infraestruturas se dote dalgún equipamento deportivo.