A Deputación aproba o convenio para o saneamento de Bora, Mourente e o río dos Gafos

Pontevedra
01 de xullo 2016

O presidente en funcións, César Mosquera, anuncia unha inversión no Concello de Pontevedra de 2,1 millóns

Estragos no paseo fluvial do Gafos tralo paso do último temporal
Estragos no paseo fluvial do Gafos tralo paso do último temporal / Mónica Patxot

O presidente en funcións da Deputación de Pontevedra, César Mosquera, anunciou este venres a aprobación en Xunta de Goberno do convenio co Concello de Pontevedra para levar a cabo as redes de saneamento nas parroquias de Mourente e Bora e no río dos Gafos. O orzamento total é de 2.114.157 e será aportado ao 50% polas dúas institucións. Segundo indicou o nacionalista trátase dunha "cantidade económica importante" porque as obras son "fundamentais e necesarias" para o municipio capitalino.

No caso do saneamento de Mourente e Bora, ampliarase a rede ata os lugares de O Pazo, Carabelos, Eirós e Leirados, chegando ata 160 casas, unha trintena máis das previstas inicialmente. Nestes momentos o proxecto está xa redactado e licitado, a punto de ser adxudicado: estanse a estudar as 23 ofertas recibidas. 

Prevese que as obras, cun prazo de execución de nove meses, comecen neste ano, se ben a decisión é coordinar os traballos coas obras que o Ministerio de Fomento realizará na N-541 para non ter que despois levantar o asfalto. Os próximos pasos administrativos serán a aprobación do convenio por parte da Xunta de Goberno do Concello de Pontevedra e a sinatura pública entre ambas administracións, para a que, segundo anunciou Mosquera, se vai fixar data nos vindeiros días.

No caso do saneamento do río dos Gafos, o presidente en funcións lembrou que a Deputación asumiu o compromiso de colaborar co proxecto logo de que a Xunta de Galicia dixera que non se implicaba na súa execución. "Esta actuación leva parada moitos anos e que debe saír adiante canto antes, xa que as verteduras de augas residuais polos desbordamentos das arquetas son constantes, sobre todo cando hai moita chuvia", indicou Mosquera.

O novo proxecto de mellora da rede de sumidoiros do río dos Gafos foi redactado por técnicos municipais e aprobado inicialmente en xullo do 2014. A actuación consiste na reparación e substitución dos colectores e na impermeabilización ou cambio dos pozos situados ao longo do río entre a avenida da Estación e a rúa Otero Pedrayo, e entre esta vía e Lusquiños (Tomeza). A execución, segundo estiman os técnicos municipais, podería ter uns seis meses de prazo.

Segundo afirmou o presidente en funcións, o convenio entre Deputación e Concello de Pontevedra que recolle estas obras xorde polos intereses mostrados polo goberno local de Pontevedra, que foi quen priorizou as actuacións. "Como xa demostramos, a nosa prioridade é ir da man dos concellos, respectando a súa autonomía, xa que son os mellores coñecedores das necesidades dos seus veciños", finalizou.