Ao berro de "Alfonso Rueda, me gusta la fruta", bombeiros comarcais de toda Galicia manifestábanse este venres en Santiago de Compostela como acto central de todas as protestas que foron desenvolvendo durante as últimas semanas nas distintas capitais de provincia para denunciar a situación laboral na que realizan o seu traballo nos parques comarcais.
O persoal destes parques, dependentes da Xunta de Galicia e das deputacións, atópase en folga desde hai meses. Rafa Domínguez, vicepresidente da Deputación de Pontevedra, denunciaba este venres que se estaban incumprindo os servizos mínimos durante estes paros dos bombeiros.
"Non nos gusta", advertía o responsable provincial durante unha rolda de prensa ao referirse a esa falta de cumprimento dos servizos mínimos establecidos. "Non apareceron os traballadores por diferentes situacións", expoñía Domínguez sen entrar en máis datos.
Sinalou, neste sentido, que "imos aplicar a lexislación sempre" en relación ás medidas que se adopten ante estes incumprimentos.
Os bombeiros manifestan que os servizos mínimos establecidos se corresponden cos seus servizos ordinarios e que esta situación mostra as carencias que sofren na súa actividade diaria.
Pola súa banda, Domínguez recoñecía que non hai avances nas negociacións cos representantes sindicais: "está igual que hai cinco meses" admitindo que a man está tendida para negociar e alcanzar un acordo.