A Deputación aproba axudas para crear novos parques forestais

Barro
23 de xuño 2018

O vicepresidente César Mosquera anuncia que se redactarán 14 novos proxectos e se farán actuacións en 10 espazos para os que xa hai unha proposta de mellora previa

César Mosquera, vicepresidente da Deputación
César Mosquera, vicepresidente da Deputación /

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar en Xunta de Goberno o reparto de máis de 519.900 euros en axudas a concellos para crear novos parques forestais na provincia de Pontevedra. Segundo explicou o vicepresidente César Mosquera beneficiaranse 18 concellos que poderán tanto redactar proxectos como executar actuacións zonas de monte diferentes.

Entre as axudas recibidas para redactar proxectos atópase o concello de Marín, para o parque de Lagocheiras; o concello de Barro, para o parque de Monte dos Casás; o concello de A Lama para o parque da comunidade de montes de Antas; o concello de Ponte Caldelas para o parque homónimo; o concello de Bueu para o parque de Cabo Udra; o concello de Poio para o parque de Monte Castrove; e o concello de Vilaboa para o parque de Monte das Barreiras.

Por outra banda, para a execución de actuacións xa redactadas en proxectos anteriores, beneficiaranse 10 concellos e 13 proxectos. Entre outros, foron subvencionados o de Illa de Arousa, con 52.200 euros; o de Marín, para San Xulián, con 24.975 euros e o concello de Vilaboa, para o parque de Monte das Barreiras con 45.167,56 euros.

Segundo insistiu o vicepresidente Mosquera é preciso que con estas actuacións se xeren melloras para ordenar, poñer en valor e potenciar a resistencia ao lume dos montes provinciais, seguindo as mesmas teses que destacaron os expertos que a Universidade de Vigo xuntou para facer o estudo dos montes provinciais na súa primeira posta de conclusións.