O goberno da Deputación de Pontevedra aprobará este próximo venres o II Plan Estratéxico Provincial de Turismo tras ser validado pola Mesa de Turismo celebrada este luns.
Trátase dun documento marco, de máis de 280 páxinas, que representa a folla de ruta da xestión turística da provincia para os vindeiros tres anos, no que se asentan as bases para a reactivación do sector turístico no destino Rías Baixas e que ten prevista a mobilización de en torno aos 20 millóns de euros.
A grande meta do II Plan Estratéxico de Turismo será a consolidación da provincia como territorio turístico intelixente aliñado coa Axenda 2030, mediante grandes eixos como a promoción e a comunicación, a oferta turística e a competitividade.
Trátase de potenciar o turismo como medio para mellorar a calidade de vida da cidadanía; reforzar o posicionamento do destino como espazo con identidade propia, sustentable, de calidade e singular; perfeccionar a proposta do destino cara os segmentos de mercado; e converter Rias Baixas e polo tanto a provincia nun destino turístico intelixente de referencia internacional.
O plan elaborouse cunha metodoloxía participativa de ata 12 mesas temáticas e entrevistas persoais a máis de 100 persoas expertas de ámbito provincial, nacional e internacional. Fai unha importante aposta pola dixitalización mediante ferramentas tecnolóxicas, como a Intelixencia Turística, Big Data e a Intelixencia Artificial como elementos aceleradores que están cambiando a industria turística.