O PP pide á Deputación que emende os puntos negros do Camiño ao seu paso por Tomeza

Pontevedra
27 de abril 2021

Os populares defenderán no próximo pleno unha moción para mellorar a seguridade viaria da EP-0002 despois da visita realizada este martes polo portavoz Jorge Cubela, deputados da súa formación e representantes da asociación Amigos do Camiño Portugués a Santiago

Deputados do PP percorren a pé un tramo do Camiño por Tomeza no que denuncian falta de seguridade viaria
Deputados do PP percorren a pé un tramo do Camiño por Tomeza no que denuncian falta de seguridade viaria

O grupo provincial do Partido Popular reclama á Deputación de Pontevedra que actúe nas estradas da súa titularidade polas que transcorre o Camiño de Santiago e as acondicione con motivo da conmemoración do Xacobeo 2021 e 2022.

"Resulta de especial importancia que as estradas provinciais polas que transcorren as catro rutas do Camiño conten cun plan integral para a súa posta en valor e mellorar a seguridade para os milleiros de peregrinos que se esperan", pide o portavoz Jorge Cubela.

O líder da oposición na Deputación visitou este martes a estrada EP-0002, entre Tomeza e O Marco, en Pontevedra, pola que transita o Camiño Portugués e que, ao seu parecer, conta con importantes puntos negros que poñen en perigo a seguridade dos peregrinos.

Acompañado polos deputados Pepa Pardo e Javier Tourís, así como por representantes da asociación Amigos do Camiño Portugués a Santiago, Cubela percorreu un tramo da estrada para comprobar que a vía non conta cunha franxa de terreo continua para poder percorrela a pé e nalgunhas zonas non hai tampouco beiravía. Esta situación fai que o tramo "sexa totalmente inseguro", sostén o popular..

Lembran desde o PP que a seguridade viaria neste lugar xa foi reclamada na Mesa do Camiño que se celebra na Deputación e denuncian que "non se fixo nada" a pesar de que xa pasaron 4 meses desde a apertura do ano Xacobeo. Por iso, o PP tentará conseguir este venres no pleno que toda a corporación apoie de forma unánime a iniciativa.