A Deputación comeza a elaboración dunha axenda urbana e rural propia para a provincia

Pontevedra
01 de xullo 2021

A Deputación de Pontevedra constituíu este xoves unha Comisión Interdepartamental co obxectivo de "elaborar de xeito participativo" e con "visión estratéxica" unha Axenda Urbana e Rural propia para converter á provincia de Pontevedra nun espazo "máis sostible, resiliente, inclusivo e seguro"

Comisión Interdepartamental para elaborar unha Axenda Urbana e Rural Mónica Patxot

A Deputación de Pontevedra constituíu este xoves unha Comisión Interdepartamental co obxectivo de "elaborar de xeito participativo" e con "visión estratéxica" unha Axenda Urbana e Rural propia para converter á provincia de Pontevedra nun espazo "máis sostible, resiliente, inclusivo e seguro". 

A presidenta da Deputación, Carmela Silva presidiu hoxe xunto ao vicepresidente César Mosquera a reunión de constitución desta comisión que traballará establecendo redes con institucións, sectores estratéxicos e o tecido social, e estará integrada por persoal dos servizos de Infraestruturas (que coordina a comisión), Mobilidade, Turismo, Medio Ambiente, Cooperación e do Plan Revitaliza. 

Con esta iniciativa a Deputación de Pontevedra segue o camiño que xa iniciaron outras institucións provinciais como Barcelona ou Granada.

Segundo explican dende o Goberno provincial, este grupo de traballo centrarase, nun primeiro momento, na diagnose da situación de partida da provincia para poder obter un documento estratéxico que contemple os principios, obxectivos, criterios e pautas de actuación "para o desenvolvemento sostible e integrador da provincia". 

Para elo a Comisión Interdepartamental seguirá a metodoloxía da Axenda Urbana Española que conta con fichas de axuda para poder poñer en marcha o plan. 

A Axenda da provincia identificará as "áreas funcionais" do territorio que, en moitos casos, coincidirán coas comarcas "o que permitirá ser máis eficaces á hora de implantar accións ou programas". Amais determinará as actuacións que se levarán a cabo, establecendo prioridades e ordenándoas en función da súa tipoloxía.

É dicir, distinguirá se se trata de actuacións de carácter normativo, de planificación, de financiación, de mellora da gobernanza, de transparencia e participación, de intercambio e difusión de coñecemento ou boas prácticas e experiencias. O plan establecerá unha calendarización das actuacións e marcará os indicadores de avaliación de resultados.

Finalmente, a Comisión Interdepartamental de Axenda Urbana e Rural para a provincia tamén valorará a presentación de propostas ao programa de axudas á elaboración de proxectos pilotos de Plan de Acción Local que contempla o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno do Estado.