A Deputación comeza a liberar fondos da liña 2 do Plan Concellos

Poio
17 de marzo 2018

Quince concellos da provincia de Pontevedra son os primeiros en recibir parte das achegas que se inclúen na liña 2 do Plan Concellos da Deputación para amortizacións, pagamentos de débedas e gastos correntes. A Xunta de Goberno concedeulles 773.147 euros

Xunta de Goberno da Deputación Deputación de Pontevedra

Quince concellos da provincia de Pontevedra son os primeiros en recibir parte das achegas que se inclúen na liña 2 do Plan Concellos da Deputación para amortizacións, pagamentos de débedas e gastos correntes. A Xunta de Goberno concedeulles 773.147 euros.

Con eses cartos, estes concellos poderán realizar pagamentos de subministracións, afrontar gasto corrente novo, amortizar débedas e impulsar programas culturais, deportivos, turísticos, gastronómicos, actividades infantís e musicais, así como festexos.

A Lama recibirá 45.245,76 euros para a Festa do Codillo 2018, para a celebración do entroido 2018 e para a Semana Cultural. No caso do concello de Meis, a Deputación de Pontevedra achegará á vila 45.393,34 euros para a amortización de débeda con entidades financieiras. 

Para Poio, as achegas ascenden a 78.500 euros para os gastos do entroido, da Festa da Ameixa e da Festa do Mar. Portas recibirá 36.040,74 euros para a amortización de débeda e ata Sanxenxo chegarán 58.000 euros para poñer en marcha o programa de Sanxenxo no verán, para as festas patronais e para os gastos do entroido.

Pola súa banda, Vilagarcía de Arousa recibirá 33.681 euros para gastos de enerxía eléctrica e limpeza do conservatorio, para a limpeza da escola municipal de música e para enerxía eléctrica de instalacións deportivas municipais. En Vilanova de Arousa, por último, as achegas ascenden a 42.600 euros para a actuación musical de verán na festa do Mexilón e para os gastos da festa do Momo.

Con estas achegas, que se suman ás que recibirán Forcarei, Fornelos de Montes, Lalín, Moaña, Mondariz, Mondariz-Balneario, Salvaterra de Miño e Vila de Cruces, está xa concedido o 20% dos catro millóns de euros que se entregarán no marco desta liña do Plan Concellos.