A Deputación de Pontevedra e o Ministerio de Fomento abordarán nunha reunión fixada para o próximo día 22 de maio os proxectos de musealización, aínda en fase de redacción, dos castros da Lanzada en Sanxenxo, Penalba en Campo Lameiro, Mercado dos Mouros en Valga, Adro Vello no Grove, Alto dos Cubos en Tui e Cruz do Castro en Cotobade.
A administración central ten que definir prazos de adxudicación e execución dos proxectos de musealización xa redactados e impulsar o grupo de xacementos que aínda están pendentes.
Despois de concluír os traballos de consolidación-restauración no xacemento de Monte do Castro en Ribadumia e co inicio das actuacións no Trega e no Facho de Cangas, a Deputación xa executou e finalizou os traballos que lle correspondían conforme ao protocolo subscrito co Ministerio de Fomento para a posta en valor dos xacementos galaico-romanos da provincia.
Polo que respecta ao Ministerio de Fomento, nestes momentos xa están redactados e entregados a Patrimonio os proxectos de musealización para os castros de Toiriz en Silleda, Alobre en Vilagarcía, Subidá en Marín e Iglexa Vella en Valga.