A Deputación levará os Concellos do Plan Revitaliza a coñecer a xestión de residuos catalá

Pontevedra
22 de outubro 2021

O programa Revitaliza realizou este venres unha xornada coa participación de técnicos da Agència de Residus de Catalunya para analizar modelos de recollida viables para a provincia de Pontevedra

Xornada sobre o modelo de xestión de residuos catalán na Deputación
Xornada sobre o modelo de xestión de residuos catalán na Deputación / Deputación de Pontevedra

Seis anos despois da viaxe a Navarra e País Vasco que fora xerme do Plan Revitaliza de compostaxe, a Deputación pretende agora levar aos concellos da provincia a Cataluña para que coñezan sobre o terreo os seus diferentes modelos de recollida e xestión de residuos. Así o anunciou hoxe o vicepresidente César Mosquera na Xornada Aberta sobre Residuos organizada pola Deputación con representantes da Agència de Residus de Catalunya (ARC).

Insistiu Mosquera en que a Deputación está decidida a apoiar e asesorar aos municipios da provincia para que consigan obxectivos de reciclaxe da UE. É preciso que os concellos se doten de normativa propia que inclúa as ideas da obrigatoriedade da separación dos residuos en orixe, da mellora da inspección e control dos grandes produtores de residuos (hostalería, supermercados, comercios, fábricas...), e da aproximación ao pago por xeración ou por facturación para que as taxas sexan máis equitativas. 

Na Xornada Aberta sobre Residuos foi o director de Planificación Estratéxica da ARC, Francèsc Giró, o responsable de facer un percorrido do que se fixo en Cataluña na xestión dos residuos municipais nos últimos 30 anos. No ano 2000, apuntou Giró, tomouse a decisión de implantar o sistema de recollida porta a porta (PaP) en tres municipios. “Os resultados foron espectaculares, dun día ao seguinte o cambio foi radical: do 20% de selectiva ao 70-80% manténdose no tempo”, dixo.

Dende entón desenvolveuse este modelo de recoller os residuos e agora hai 240 municipios seguíndoo -un 30% do total dos que recollen biorresiduos- e 130 máis que están a prepararse para implantalo en dous ou tres anos. 

Con esta base fiscal, e sobre o caro que pode resultar a recollida PaP, Giró subliñou que o custe da xestión dos residuos tense que ver de maneira global: “Co porta a porta fixemos estudos e o custe global de xestión, sumando ingresos e custes, para nós son practicamente equivalentes”, explicou. 

Destacou que sen o canon catalán aplicado pola Generalitat -e que no caso galego debería aplicar a Xunta- os resultados económicos serían outros, insistindo en que grazas ao retorno da multa aos concellos incluso houbo gobernos locais cataláns que “puideron baixar as taxas á cidadanía ou non subilas, que xa é importante”. 

Na Xornada Aberta de Residuos de hoxe participaron representantes dos concellos de Meaño, Mondariz Balneario, O Grove,Tomiño, Gondomar, Sanxenxo, Lalín, Moraña, Moaña, Redondela, Valga, Vilagarcía de Arousa, Cangas, O Rosal, Ponteareas, Silleda, Mondariz, Salceda de Caselas, Ribadumia, Barro,  As Neves,  A Estrada e Illa de Arousa, entre outros.

Por outro lado, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, recibiu a Isaac Peraire, director da Axencia de Residuos de Catalunya. Ambos os dous mantiveron unha reunión na que puideron comentar diversos puntos e intereses común, amosando e definindo elementos tan diferenciadores como o plan de compostaxe do que goza Pontevedra.