A Deputación mellorará o estado da estrada Peso-Caroi, na Lama

A Lama
24 de xullo 2017

A estrada EP-0307, entre Peso-Caroi, será renovada pola Deputación. Esta obra, segundo a institución provincial, garantirá a estabilidade da estrada tras os temporais de chuvia deste inverno que, xunto co paso continuo de camións pola zona, produciron danos irreversibles nesta vía da súa titularidade

Estado da estrada entre Peso-Caroi, na Lama
Estado da estrada entre Peso-Caroi, na Lama / Deputación de Pontevedra

A estrada EP-0307, entre Peso-Caroi, será renovada pola Deputación. Esta obra, segundo a institución provincial, garantirá a estabilidade da estrada tras os temporais de chuvia deste inverno que, xunto co paso continuo de camións pola zona, produciron danos irreversibles nesta vía da súa titularidade.

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez subliñou que a actuación xurdiu por indicación dos técnicos do departamento tras obstruírse parcialmente a drenaxe habilitada para deixar pasar as augas dun regato baixo a estrada.

Segundo os técnicos, faise imposible reverter o mal estado desa construción, o que podería orixinar un asolagamento da zona augas arriba co conseguinte risco de desbordamento do regato por riba da estrada.

Así mesmo, tamén indican que "é inminente o afundimento total, o que deixará aos habitantes da zona de Caroi nunha situación moito máis complicada para chegar aos núcleos de A Lama, Ponte Caldelas ou Fornelos de Montes, por poñer varios exemplos". 

Ante esta situación, a Deputación de Pontevedra decidiu substituír a obra de drenaxe actual por unha nova estrutura que garanta o desaugue do regato e que, ao mesmo tempo, garanta tamén a estabilidade estrutural da estrada fronte ao paso de vehículos pesados.

Esta obra ten un orzamento de licitación de 100.000 euros e está en fase de contratación, téndose recibido 15 ofertas de empresas interesadas na súa execución. A adxudicación final estará lista en breve, podendo iniciarse a obra despois do verán. Ten un prazo de execución de dous meses.

Por outra parte, a Deputación tamén realizará a reparación de danos ocasionada polo afundimento dos noiros situados nos puntos quilométricos 0+200 e 1+700 na estrada provincial EP-0303 Gaxate-Ermitas, nunha zona moi próxima ao leito do Regueiro das Ermidas -afluente do río Oitavén-.

A construción de dous muros de sostemento e a colocación dunha barreira de seguridade está motivada principalmente polos danos na estrutura da estrada, que comprometen a estabilidade da mesma e a seguridade dos usuarios da vía. O orzamento desta obra, que tamén ten un prazo de execución de dous meses, alcanza os 26.860,16 euros.