A Deputación pecha o mandato de Carmela Silva co pleno de actas que serviu de despedida da corporación

Pontevedra
03 de xullo 2023

En pouco máis de dous minutos, pasadas as doce da mañá, liquidou a Deputación de Pontevedra o último pleno deste mandato nunha sesión que, como é preceptivo, procédese a aprobar a acta da anterior convocatoria plenaria. Con iso queda disolta a corporación provincial

A Deputación pecha o mandato de Carmela Silva co Pleno de actas
A Deputación pecha o mandato de Carmela Silva co Pleno de actas / PontevedraViva

En pouco máis de dous minutos, pasadas as doce da mañá, liquidou a Deputación de Pontevedra o último pleno deste mandato nunha sesión que, como é preceptivo, procédese a aprobar a acta da anterior convocatoria plenaria. Con iso queda disolta a corporación provincial.

Non houbo discurso de despedida nin intervención algunha pois todo limitouse cumprir co trámite que pecha o mandato da presidenta provincial Carmela Silva.

Iso si, non faltaron a foto de despedida da corporación saínte nin os saúdos cordiais de quen foi durante o últimos catro anos compañeiros nesta administración provincial.

En tres días terá lugar neste mesmo salón outro pleno, o de constitución da nova corporación da Deputación de Pontevedra que foi fixado á mesma hora, ás doce do mediodía, e no que será elixido o popular Luís López como trixésimo sexto presidente da institución substituíndo no cargo á socialista Carmela Silva.

Nos últimos días o vicepresidente da Deputación en funcións e portavoz do BNG, César Mosquera e o deputado portavoz do PSdeG-PSOE en funcións Carlos López Font entregaron á delegación popular toda a documentación dos proxectos e programas que está a desenvolver actualmente o goberno provincial nun dossier de 300 folios con toda a información detallada das 27 áreas de servizo, co fin de que o goberno entrante poida tomar así as decisións que considere convenientes.