O presidente da Deputación critica a xestión "descontrolada" nos últimos meses do goberno de Carmela Silva

Pontevedra
01 de setembro 2023

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López informou este venres dos resultados principais da avaliación interna de contas que reflicten "un gasto superior ao habitual" nos últimos meses do goberno bipartito  

Luis López, presidente da Deputación de Pontevedra
Luis López, presidente da Deputación de Pontevedra / Deputación de Pontevedra

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López informou este venres dos resultados principais da avaliación interna de contas que reflicten "un gasto superior ao habitual" nos últimos meses do goberno bipartito presidido por Carmela Silva cunha "xestión descontrolada de todo os cartos dos pontevedreses". 

Segundo desvelou o presidente, a día de hoxe, a administración provincial conta con só o 6,5% das partidas reservadas para investimentos noutros concellos así como asociacións ou terceiros, o que supón case a metade do diñeiro que se dispoñía o ano anterior.

En canto ás partidas consignadas para investimentos da propia Deputación "queda en caixa un 33% do orzamento" é dicir, "11 puntos menos que hai dous anos". Con respecto aos fondos de gasto corrente destinados a transferir aos concellos e a entidades "dispoñemos dun 9,75%" (3,4 puntos menos), e para financiar o funcionamento da propia Deputación "dispoñemos dun 17,5% de gasto". 

O presidente provincial ha mandado unha mensaxe clara: "ante esta situación o actual goberno provincial fará todo canto estea na súa man para atender estes atrancos e atender, o máis importante, as necesidades da provincia".

Luís López lembrou que esta avaliación de contas "foi algo que nos comprometemos a realizar na primeira Xunta de Goberno" e que reflicte algúns datos "preocupantes e elocuentes" da xestión que se fixo con cargo ao orzamento 2023, principalmente no primeiros cinco meses de ano "que estivo marcado pola convocatoria electoral do 28 de maio".

O presidente provincial sinalou que "aproveitando os preparativos do novo orzamento da Deputación" de fronte ao próximo exercicio económico do ano 2024 fíxose esta avaliación interna co obxectivo de "dar a coñecer con transparencia o estado real das contas e das partidas do orzamento" e, por outra banda, "trátase de saber a marxe orzamentaria do que dispoñemos" para atender as necesidades da provincia ata que entren en vigor os novos orzamentos, previstos para o 1 de xaneiro de 2024.

Segundo asegurou Luís López ‘Lugués’, "o que nos lanzan os datos é unha situación preocupante" por mor de "un gasto superior ao habitual" que foi "acometido ou comprometido polo anterior goberno provincial nun ano electoral".

Luís López repasou a situación xeral do orzamento con data de 30 de agosto deste ano e en partidas máis concretas relativas a ou servizos ou ás áreas de xestión asumidas polo Partido Socialista no anterior goberno da Deputación onde "unha vez abertos os caixóns atopámonos cun escenario preocupante e comprometedor".

Así, Luís López detallou que "en Cooperación está comprometido practicamente todo o crédito destinado a subvencións correntes e investimentos" e en Cultura "dos fondos destinados para subvencionar actividades só queda un 5,1% de 1,8 millóns de euros (96.000 euros)"; en Deportes queda un 4,99% para axudas a clubs de 5,1 millóns (258.000 euros); en Turismo queda un 5,4% dos fondos de promoción (80.000 euros); en Cohesión Social queda un 5,71%; en Infraestruturas "só temos un 4,8% para gasto corrente de 10,2 millóns de euros" (493.000 euros), e quedan 88.000 euros para a promoción do Castelo de Soutomaior.