A Deputación ponse a disposición da Xunta para o reparto de 100.000 máscaras aos concellos

Pontevedra
28 de marzo 2020

Este sábado o goberno galego deu a coñecer que repartirá esta semana 100.000 máscaras, 15.000 traxes e 50.000 guantes aos concellos da comunidade e pediu a implicación das deputacións e o executivo provincial púxose "a total disposición da Xunta de Galicia" para colaborar 

Visita de Rueda á plataforma loxística Clonegal
Visita de Rueda á plataforma loxística Clonegal / Xunta de Galicia

A Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia amosaron este sábado unha actitude colaborativa en relación co reparto de material de protección fronte ao coronavirus entre os concellos da provincia. Nos últimos días as dúas administracións amosáronse críticas sobre o proceder do contrario, pero este sábado realizaron anuncios que implican que a partir da próxima semana van colaborar.

Así, este sábado o goberno galego deu a coñecer que repartirá esta semana 100.000 máscaras, 15.000 traxes e 50.000 guantes aos concellos da comunidade e pediu a implicación das deputacións e o executivo provincial púxose "a total disposición da Xunta de Galicia", como administración competente, para colaborar no reparto.

A presidenta da Deputación Provincial, Carmela Silva, remitirá o luns unha carta ao vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, ofrecendo esta colaboración para un reparto "máis eficaz, obxectivo e equitativo" de material sanitario nos concellos da provincia, "conscientes das dificultades que está atravesando o goberno galego para facer unha distribución equilibrada que estea a dar resultados". 

Precisamente Rueda achegouse este sábado á plataforma loxística que o oberno galego impulsou para a adquisición e reparto do material de protección aos municipios, denominado Clonegal. Este centro púxose en marcha polo aumento do material que chegará ás administracións locais e co obxectivo da axilización do reparto, xa que os concellos recibirán os envíos no seu propio municipio e non terán que desprazarse.

Durante a pasada semana a Xunta, repartiu por medio das delegacións territoriais e en colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), un total de 22.000 máscaras, 300.000 luvas e preto de 10.000 traxes. De cara aos futuros repartos, o  vicepresidente animou ás deputacións provinciais a participar no centro loxístico e a achegar o material do que dispoñan para que sexa repartido da forma máis rápida e eficaz posible.

Carmela Silva explicou que fai este ofrecemento á Xunta atendendo "á desesperación de alcaldes e alcaldesas ante a falta de material" e como resposta á a petición do vicepresidente de que as deputacións participen na distribución do material. 

Na carta que remitirá a Rueda, a Deputación tamén solicitará 200.000 máscaras e outro material sanitario, para comezar canto antes o reparto entre os concellos da provincia de Pontevedra. O goberno provincial explicou que a información que tiña ata agora era que a distribución de mascarillas só podía facela a Xunta ao través dos postos de mando avanzados, pero que, se o goberno galego pide axuda, "aí estaremos".