Nova achega de material de protección aos traballadores municipais por parte da Xunta

Pontevedra
07 de abril 2020

O goberno autonómico prioriza aos concellos máis pequenos e con menos recursos para facilitar o mantemento de servizos esenciais como o de axuda no fogar ou o labor da Policía Local e de Protección Civil

Equipos de protección individual ante o coronavirus
Equipos de protección individual ante o coronavirus /

A delegación territorial da Xunta en Pontevedra realizou este martes a súa segunda repartición de material de protección aos concellos consistente en 14.900 máscaras cirúrxicas, 22.900 pares de luvas e 288 traxes antisalpicaduras. Na repartición, os ténicos deron prioridade aos concellos de menor tamaño que dispoñen de menos recursos.

No tocante ao Concello de Pontevedra, o goberno autonómico enviou xa 22.900 unidades de protección entre as que se atopaban ao redor de 5.000 máscaras, 10.000 luvas e 82 traxes. No segundo envío achegaron 2.500 máscaras, 5.000 luvas e 41 traxes adicionais.

Os destinatarios principais destes elementos son traballadores dos servizos de axuda no fogar, protección civil e axentes da Policía Local, así como outros servizos esenciais municipais que determinan os propios gobernos locais.

A repartición realízase en base a criterios de poboación e número de positivos, efectivos de policía, voluntarios de protección civil e horas de actividade dos traballadores do servizo de axuda no fogar. O obxectivo é dotar a todos os traballadores do material de protección que precisan para exercer a súa función.