A Deputación presenta un orzamento de 158 millóns de euros no que reduce a súa débeda

Pontevedra
08 de novembro 2018

Desde o ano 2016 as contas provinciais foron crecendo de maneira constante. Xunto a esta característica, Carmela Silva subliñou que a débeda da institución provincial reduciuse, "cando chegamos era 39 millóns de euros, hoxe é de 12 millóns e terminará no 2019 con 7 millóns de euros"

Carmela Silva e César Mosquera, presentaron os orzamentos da Deputación Mónica Patxot

Os orzamentos da Deputación de Pontevedra para 2019 achéganse aos 158 millóns de euros. Exactamente, 157.962.348 euros que, se se ten en conta o orzamento consolidado, que inclúe a escola universitaria de Enfermería e os dous consorcios contra incendios, ascendería a 161.384.163 euros.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o vicepresidente, César Mosquera, informaron en rolda de prensa dos orzamentos da institución destacando que se presentan "para que entren en vigor o 1 de xaneiro", do mesmo xeito que ocorreu durante todo o mandato do bipartito PSOE e BNG.

"Estamos moi contentos de que podamos presentar hoxe estes orzamentos que se corresponden exquisitamente co que asinamos no pacto de goberno", valorou Mosquera.

Desde o ano 2016 as contas provinciais foi crecendo de maneira constante. Xunto a esta característica, Carmela Silva subliñou que a débeda da institución provincial reduciuse, "cando chegamos era 39 millóns de euros, hoxe é de 12 millóns e terminará no 2019 con 7 millóns de euros".

Tamén se contiveron os gastos correntes cun incremento para o próximo exercicio do 1,6% e cumpríronse cos requisitos que marca o Estado de estabilidade orzamentaria, regra de gasto e límite de débeda.

PLAN CONCELLOS

Para a iniciativa "estrela" do goberno provincial dedícanse 43,4 millóns. É dicir, respecto ao orzamento anterior crece un 3,3% o Plan Concellos, polo que se conceden en réxime de concorrencia competitiva aos concellos de menos de 50.000 habitantes fondos propios da Deputación. Concretamente destínanse 30 millóns a investimentos en obras e servizos de competencia municipal; 9,5 millóns para emprego e 3,9 para actividade de gasto corrente.

Carmela Silva sinalou que cando gobernaba o Partido Popular na Deputación o investimento medio nos concellos era a metade, de 20 millóns de euros.

César Mosquera chamou a atención sobre esta aposta do goberno provincial polos concellos sinalando que só o "sostemento da Deputación", ocupa uns 80 millóns de euros, que se destinan ao funcionamento da institución, o Centro Príncipe Felipe, a finca de Mouriscade, a Estación Fitopatolóxica do Areeiro, a Escola de Cantería ou o Museo de Pontevedra.

Entre o diñeiro destinado aos servizos destacan o de Infraestruturas, que recibe 17,67 millóns; ou Cohesión Social e Xuventude, cuxa dotación superará os 6 millóns. Novas Tecnoloxías (5,73 millóns), Deportes (5 millóns), Cultura (4 millóns), Turismo (3,6 millóns), Emprego (3,3 millóns), Medio Natural e Desenvolvemento Rural (1,8 millóns) ou Igualdade (1,27 millóns) recibirán tamén cantidades significativas, do mesmo xeito que o Museo de Pontevedra, que contará con 4,4 millóns para 2019.

Discrecionais, é dicir, que o goberno provincial poida decidir a que os destina, quedan uns 78 millóns dos que 66 vanse en transferencias correntes e de capital, maioritariamente a concellos (54 millóns), e o resto para a Universidade de Vigo, padroados, ou entidades privadas, fundamentalmente asociacións e clubs deportivos e sociais.

"Non nos dedicamos, como pasou noutras épocas, a utilizar a Deputación como contrapeso doutras institucións", asegurou Mosquera, presumindo que "está a ser un mandato extraordinariamente frutífero" que, segundo engadiu, "cambiou totalmente a dinámica desta institución".

Engadiu que o diñeiro non se gasta en "chafalladas" ou "sobrecustos", polo que mostrou o seu "orgullo" pola dinámica alcanzada polo goberno provincial, ao non utilizar a Deputación para "fins espúreos e perversos" e desenvolver o seu labor coa "máxima transparencia" e coas contas "claras"