A Deputación substitúe os 56 programas de axudas aos pequenos concellos por un fondo local de investimentos

Pontevedra
28 de xullo 2015

O novo goberno da Deputación de Pontevedra presentou aos alcaldes dos 52 municipios da provincia de menos de vinte mil habitantes o novo fondo local de investimentos que vai substituír os 56 programas de axudas diferentes que existían ata de agora na institución provincial

Reunión cos alcaldes dos municipios de menos de 20.000 habitantes
Reunión cos alcaldes dos municipios de menos de 20.000 habitantes

O novo goberno da Deputación de Pontevedra presentou hoxe aos alcaldes dos 52 municipios da provincia de menos de vinte mil habitantes o novo fondo local de investimentos que vai substituír os 56 programas de axudas diferentes que existían ata de agora na institución provincial.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada do vicepresidente Cesár Mosquera e o resto do equipo de goberno, recibiron os alcaldes no salón de plenos, onde detallaron as liñas principais deste novo fondo que achegará preto de corenta millóns de euros de financiamento.

A presidenta destacou que o novo sistema vai permitir "simplificar os instrumentos de financiamento dos concellos para as súas obras e servizos" e insistiu en que "o que vai desaparecer é a reserva do vinte por cento de libre disposición que tiña o anterior presidente".

O novo goberno provincial espera as "suxestións e propostas" dos distintos concellos para á elaboración final deste novo fondo local "porque a Administración local é a verdadeira protagonista das necesidades dos seus veciños e veciñas", dixo a presidenta.

Carmela Silva valorou como de "matrícula de honra" a reacción dos distintos alcaldes á creación deste novo fondo e mostrou a súa "satisfacción" polas achegas feitas durante a reunión como o mantemento dos plans de emprego ou a posta en marcha de novos programas que impulsen economías de escala como é o turismo.

Pola súa banda, o vicepresidente provincial, César Mosquera, indicou que na reunión se demostrou que a Deputación provincial é unha institución para "dar servizo" a todos os municipios e "non para dar privilexios a cores políticos determinados nin favorecer a grandes urbes como Vigo-Pontevedra, algo que se temía dende algúns ámbitos".

Mosquera subliñou que é esencial que os concellos realicen achegas aos criterios para a repartición dos fondos provinciais e tamén advirtan de calquera tipo de problemas ou discriminacións. A finalidade do novo Goberno provincial, insistiu, "é transferir a maior parte dos presupostos aos concellos para que estes teñan autonomía e se responsabilicen logo do seu gasto".

Tamén incidiu na necesidade de colaboración institucional á hora de impulsar políticas de accesibilidade nos municipios, que dispoñerán de asesoramento moi especializado, igual que acontecerá no campo da xestión dos residuos.