O novo goberno da Deputación de Pontevedra presentou hoxe aos alcaldes dos 52 municipios da provincia de menos de vinte mil habitantes o novo fondo local de investimentos que vai substituír os 56 programas de axudas diferentes que existían ata de agora na institución provincial.
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada do vicepresidente Cesár Mosquera e o resto do equipo de goberno, recibiron os alcaldes no salón de plenos, onde detallaron as liñas principais deste novo fondo que achegará preto de corenta millóns de euros de financiamento.
A presidenta destacou que o novo sistema vai permitir "simplificar os instrumentos de financiamento dos concellos para as súas obras e servizos" e insistiu en que "o que vai desaparecer é a reserva do vinte por cento de libre disposición que tiña o anterior presidente".
O novo goberno provincial espera as "suxestións e propostas" dos distintos concellos para á elaboración final deste novo fondo local "porque a Administración local é a verdadeira protagonista das necesidades dos seus veciños e veciñas", dixo a presidenta.
Carmela Silva valorou como de "matrícula de honra" a reacción dos distintos alcaldes á creación deste novo fondo e mostrou a súa "satisfacción" polas achegas feitas durante a reunión como o mantemento dos plans de emprego ou a posta en marcha de novos programas que impulsen economías de escala como é o turismo.
Pola súa banda, o vicepresidente provincial, César Mosquera, indicou que na reunión se demostrou que a Deputación provincial é unha institución para "dar servizo" a todos os municipios e "non para dar privilexios a cores políticos determinados nin favorecer a grandes urbes como Vigo-Pontevedra, algo que se temía dende algúns ámbitos".
Mosquera subliñou que é esencial que os concellos realicen achegas aos criterios para a repartición dos fondos provinciais e tamén advirtan de calquera tipo de problemas ou discriminacións. A finalidade do novo Goberno provincial, insistiu, "é transferir a maior parte dos presupostos aos concellos para que estes teñan autonomía e se responsabilicen logo do seu gasto".
Tamén incidiu na necesidade de colaboración institucional á hora de impulsar políticas de accesibilidade nos municipios, que dispoñerán de asesoramento moi especializado, igual que acontecerá no campo da xestión dos residuos.