A empresa ACEVI reformará o mercado de abastos de Pontevedra

Pontevedra
22 de maio 2018

O contrato está valorado en 218.682,22 euros. A aprobación definitiva está pendente da autorización de gasto do Ministerio de Facenda ao ser unha obra incluída na relación de proxectos financiados polos fondos europeos FEDER

Mercado de Abastos de Pontevedra Mónica Patxot

Unha empresa de Pontevedra, ACEVI, será a encargada de executar as obras de reforma do primeiro andar do mercado de abastos, que se converterá nun espazo gastronómico.

O contrato está valorado en 218.682,22 euros. A aprobación definitiva está pendente da autorización de gasto do Ministerio de Facenda ao ser unha obra incluída na relación de proxectos financiados polos fondos europeos FEDER.

ACEVI, segundo trasladou o goberno municipal tras a xuntanza da mesa de contratación, asume as melloras nas instalacións e equipamento incluídas no prego de condicións.

Quince empresas presentaran ofertas a este proxecto, co que se pretende acondicionar a planta superior para novos usos diferentes aos habituais, para ofrecer novas ofertas de produtos, mantendo a morfoloxía e distribución, mellorando a imaxe e a estética co propósito de dinamizar o mercado de abastos.

Non foi a única mesa de contratación celebrada no Concello. Tamén se reuniu a da reforma do pavillón multiusos da Xunqueira, proxecto tamén cofinanciado por Bruxelas.

As ofertas presentadas oscilaron entre os 1.740.789,82 e os 2.141.095 euros. Nove empresas concorren ao concurso: Gómez Crespo, Ramírez, UTE ACEVI-Hidromiño, Ediserpo, Abal, UTE M. Espiño-Medancli, UTE Emergis-Cruzval, Copcisa e UTE Prace-Copsesa.

Todas elas inclúen as tres melloras propostas no prego de condicións: pantallas LED deportivas, cortinas divisorias motorizadas e equipamento deportivo ximnasio.

Copcisa e Ediserpo, que presentaron as propostas máis económicas, terán que xustificar a súa oferta ao temer os técnicos que incorren en baixa temeraria. Ademais, a mesa excluíu as ofertas presentadas por Arquitania Busines SL e Construcciones Ángel Jover por incumprir o prego de condicións.