A empresa Nexia executará as obras de mellora hidráulica do río Lameira

Marín
05 de xaneiro 2019

O goberno local do Concello de Marín licitou a segunda fase das obras de mellora do comportamento hidráulico do río Lameira

Muro de contención nas beiras do río Lameira Concello de Marín

O goberno local do Concello de Marín licitou a segunda fase das obras de mellora do comportamento hidráulico do río Lameira.

A primeira fase consistiu na execución dunha ponte con maior capacidade e un muro de formigón para protexer nuns tramos as posibles crecidas do río. Estas obras finalizáronse coincidindo coa apertura do centro de saúde. Agora acometerase esta segunda fase na marxe esquerda do río Lameira, a beira fronte ao centro de saúde.

O proxecto ten un orzamento de execución de 114.276,38 euros que foi solicitado a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, estimándose o custo das expropiacións en 25.925 euros que será asumido polo concello.

Presentáronse catro ofertas, sendo a que mellor puntuación alcanzou a empresa Nexia Infraestructuras, SLU, que iniciará as obras unha vez que depositen a fianza e se asine o contrato.