A Esdemga, convidada en Londres á Graduate Fashion Week

Pontevedra
24 de maio 2017

Os Estudos Superiores de Deseño Téxtil e Moda de Galicia (Esdemga) participarán por primeira vez nun encontro internacional de escolas de moda en Londres. A Universidade é unha das 32 institucións non británicas convidados á Graduate Fashion Week

Alumnado da Esdemga
Alumnado da Esdemga / Universidade de Vigo

Os Estudos Superiores de Deseño Téxtil e Moda de Galicia (Esdemga) participarán por primeira vez nun encontro internacional de escolas de moda en Londres. A Universidade é unha das 32 institucións non británicas convidados á Graduate Fashion Week.

Entre o 4 e o 7 de xuño, a Esdemga foi convidada a participar neste "importante escaparate" que reúne no Truma Brewery londinense ao persoal de recursos humanos das principais firmas de moda, como sinala a directora da titulación que se imparte na Facultade de Belas Artes, Lola Dopico, que salienta tamén a oportunidade que esta invitación supón á hora de "traballar conexións internacionais" para o máster en Deseño e Dirección Creativa de Moda, que comezará a impartirse o vindeiro curso.

Universidades e escolas de Italia, Francia, Alemaña, Xapón, China, Estados Unidos, India ou Australia figuran entre as 32 seleccionadas para o International Catwalk Competitition que, o 7 de xuño, abrirá a derradeira xornada dun evento que prevé reunir a preto de 30.000 visitantes e dirixido a amosar o talento dos graduados dos centros formativos británicos.

Neste evento a Esdemga estará representada, ademais de por Dopico, pola egresada Aida Mosquera, que amosará na pasarela desta Graduate Fashion Week a colección que constituíu o seu traballo de fin de estudos, Je ne sais pas, presentada na última edición de Debut.