A Facultade Ágora aumenta as prazas e prorroga a preinscrición ante a gran demanda xerada

Pontevedra
22 de marzo 2021

O deputado de Mobilidade manifesta a súa satisfacción polo interese amosado para mellorar o tratamento do espazo público na provincia

Uxío Benítez, deputado de Mobilidade
Uxío Benítez, deputado de Mobilidade / Deputación de Pontevedra

O aluvión de persoas interesadas en asistir ás clases da Facultade Ágora sobre como mellorar o espazo público vén de obrigar á Deputación a aumentar a 200 o número de prazas disponibles e a prorrogar a preinscrición até este mércores. Así o anunciou este luns o deputado de Mobilidade e Espazo Público Uxío Benítez.

O deputado nacionalista salientou a súa satisfacción pola boa acollida da iniciativa entre os concellos e o persoal técnico da provincia e o interese amosado.

A preinscrición na Facultade Ágora estaba previsto que finalizase este luns ás doce da noite, mais a primeira hora da mañá xa se superaban as 150 prazas dispoñibles (xa ampliadas dende as iniciais 100).

Visto que o número de solicitudes seguía medrando, o departamento de Mobilidade, de acordo coa Rede de Cidades que Camiñan –coordinadora do proxecto- decidiron engadir outras 50 prazas máis e prorrogar ata o mércores o prazo de preinscrición. Este venres 26 darase a coñecer a lista de persoas admitidas para proceder á matrícula definitiva.

A Facultade Ágora é unha proposta de formación a persoal político e técnico da provincia que toma decisións sobre o espazo público para ampliar os seus coñecementos sobre como recuperalo para crear cidades e vilas amables e aumentar a calidade de vida da veciñanza da provincia. 

O curso de 2021 comezará o 9 de abril e prolongarase ata o mes de novembro (venres alternos), repartido en 4 módulos e 12 seminarios.