A Facultade Ágora reflexionará sobre ‘As persoas primeiro’

Pontevedra
20 de maio 2021

Na cuarta xornada da Facultade Ágora da Deputación de Pontevedra debaterase sobre a filosofía de adecuar o deseño das vilas e cidades ás necesidades reais das persoas para que poidan desenvolver unha vida plena tanto dende o punto de vista social como da mobilidade

Terceira sesión da Facultade Ágora
Terceira sesión da Facultade Ágora / Deputación de Pontevedra

A cuarta xornada da Facultade Ágora da Deputación de Pontevedra leva como título ‘As persoas primeiro’. Nas sesións deste venres 21 de maio debaterase sobre a filosofía de adecuar o deseño das vilas e cidades ás necesidades reais das persoas para que poidan desenvolver unha vida plena tanto dende o punto de vista social como da mobilidade.

Como vén sendo habitual neste foro sobre o espazo público, as persoas relatoras son expertas a nivel internacional na materia. É o caso de Ole Thorson, Paula Teles, Álvaro Gómez e Jesús Fole. O obxectivo será reflexionar sobre os conceptos contrapostos de mobilidade e tráfico, para tocar de seguido temas como a velocidade 30, a regulación de bicis e VMP e os dereitos das persoas que camiñan, visualizando os aspectos técnicos dun espazo público pensado para as persoas, con plataformas únicas, beirarrúas, pasos elevados, iluminación acaída, anchura de carrís, materiais, e vexetación.

A conferencia que levantará máis expectativa, pola coincidencia coa implantación da obrigatoriedade dos 30 quilómetros hora nas vías urbanas dunha dirección por carril, será a do director do Observatorio Nacional de Seguridade Viaria da Dirección Xeral de Tráfico, Álvaro Gómez.

Explicará, entre outras cousas, o obxectivo da campaña internacional da ONU de facer un chamamento para que todas as cidades do mundo implanten o límite de velocidade a 30 km/ h, buscando compromisos políticos a nivel estatal e local en áreas urbanas. Ademais destacará os vínculos entre os límites de velocidade e o logro dunha serie de Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.

Por outra parte, Ole Thorson, enxeñeiro de camiños, amosará a súa experiencia de 45 anos traballando con mobilidade, seguranza e sustentabilidade na busca dun uso racional e equilibrado do espazo público.

Paula Teles, enxeñeira civil especializada en planeamento do territorio e xestión urbanística, falará da súa consultoría sobre planeamento e xestión da mobilidade, sendo pioneira en Portugal en accións de mobilidade urbana inclusiva.

 Jesús Fole, asesor de Mobilidade da Deputación de Pontevedra, abordará a necesidade de que os deseños e actuacións das institucións locais muden o paradigma predominante e deseñen vilas e espazos non destinados aos coches como elementos centrais.