A Facultade Ágora analiza a redución do tráfico de paso e de transporte de mercadorías

Pontevedra
04 de xuño 2021

Este venres participaban no quinto seminario que organiza a Deputación de Pontevedra a consultora Mercedes Llop, os enxeñeiros Fernando Nebot e Jaime Ruibal; e o director xeral de Protección Cidadá no Concello de Pontevedra, Daniel Macenlle, baixo a dirección do deputado Uxío Benítez

Quinto seminario da Facultade Ágora
Quinto seminario da Facultade Ágora / Deputación de Pontevedra

Autorizar a circulación dos coches necesarios para o bo funcionamento do tráfico nas cidades é a formulación que o deputado Uxío Benítez formulaba este venres no quinto seminario da Facultade Ágora, que organiza a Deputación de Pontevedra. 

Esta idea busca un modelo de recuperación do espazo público desmitificando que nas zonas de preferencia peonil non se poida pasar con vehículos de motor, indicaba o responsable provincial de Mobilidade e Espazo Público.

Nesta xornada participaban no seminario a consultora Mercedes Llop, os enxeñeiros Fernando Nebot e Jaime Ruibal e o director xeral de Protección Cidadá no Concello de Pontevedra, Daniel Macenlle. 

Precisamente Macenlle explicaba que a cidade peonil ao 100% non funcionaría e afirmou que "non somos talibáns da peonalización". Pero si que manifestou a necesidade de descubrir que tráfico é imprescindible para permitir a calidade de vida. "Hai que desautoxicar a cidade", apuntou o director  xeral de Protección Cidadá durante a súa intervención explicando que, en todo caso, precísase abastecer supermercados, negocios e garantir os servizos para movemento de materiais e acceso a establecementos hostaleiros. Neste sentido, destacou a importancia que ten a Policía Local para desenvolver estas iniciativas de regulación do tráfico.

Tamén Fernando Nebot centrouse na supresión do tráfico de paso e de axitación, que é o que os condutores realizan en busca de prazas de aparcamento. Por outra banda destacou a importancia de reducir a velocidade de circulación nas cidades e incrementar o espazo público para usos distintos ao desprazamento en vehículo. Por isto, expuxo o seu concepto de "tráfico evaporado" que se rexistra cando a cidadanía evita a utilización do vehículo ao considerar que é preferible desprazarse a pé ou empregando outros sistemas de transporte.

Mercedes Llop, consultora en Transportes e Urbanismo, lembraba na súa intervención o importante incremento do comercio electrónico e a súa consecuencia en transporte de  paquetería a domicilio. Para buscar solucións a esta nova demanda, a especialista propón unha instalación (microhub) onde se almacene a mercadoría para entregarse en determinadas áreas atendendo a unha distribución sostible e agrupada, sen que se se produza unha viaxe co movemento dunha furgoneta por cada envío.