A falta de proxecto para o Carlos Oroza motiva a queixa do concelleiro de Educacion ante a Xunta

Pontevedra
08 de outubro 2014

Agustín Fernández remite unha carta ao xefe territorial da Consellería de Educación na que mostra a súa preocupación pola situación da Formación Profesional na cidade ou o estado das reformas pendentes en centros educativos

Alumnos do Carlos Oroza atendendo o restaurante aberto ao público no centro
Alumnos do Carlos Oroza atendendo o restaurante aberto ao público no centro / Mónica Patxot

O concelleiro de Educación de Pontevedra, Agustín Fernández, remitiu un escrito ao xefe territorial da Xunta, César Pérez Ares, ante a preocupación municipal pola situación dalgúns dos centros educativos da cidade.

Encabeza a lista o Centro Integrado de Formación Profesional Carlos Oroza, unha vez comprobado, segundo Agustín Fernández, a falta de proxecto de reforma para o centro: "incumprir os últimos anuncios despois de ter incumprido xa os compromisos firmes anteriores sobre o novo edificio non parece nin coherente nin aconsellable", reitera o concelleiro na carta.

Fernández cita tamén as queixas pola masificación do Ciclo Medio de Madeira na Xunqueira "produto, sen dúbida, da falta de investimento non Ensino".

Ademais o responsable municipal pregunta na misiva polas obras do CEIP Froébel "toda vez que executadas as dúas primeiras fases das obras anunciadas, queda pendente aínda máis da metade do investimento anunciado", sinala.

A este respecto o concelleiro pontevedrés solicita unha previsión de execución das fases restantes.

Xunto coa carta Agustín Fernandez remitiu ao xefe territorial de Educación unha lista das actuacións executadas nos centros educativos a cargo do Concello na última anualidade.