A familia de Olimpio Piñeiro recolle a insignia de ouro pola súa contribución á memoria fotográfica do municipio

Sanxenxo
26 de xuño 2023

Ollares de Portonovo volve sacar á rúa unha exposición con preto de 1.000 imaxes cun espazo dedicado ao fotógrafo homenaxeado

Exposición de fotografías da Asociación Ollares de Portonovo Concello de Sanxenxo

A Praza de Pascual Veiga acolleu este luns unha mostra de preto de 1.000 fotografías antigas e recentes de Sanxenxo recompiladas pola Asociación Ollares de Portonovo. Moitas delas asinadas polo fotógrafo homenaxeado nesta edición de Ollares na Rúa, Olimpio Piñeiro, xa falecido. 

Nun emotivo acto, a concelleira de Cultura e Eventos, Elena Torres, colocaba ao seu primoxénito, Alfonso Piñeiro, unha insignia de ouro con forma de cámara fotográfica acompañado dos seus dous irmáns, Jose Manuel "Chiña" e Loli, e máis membros da familia.

Jose Manuel foi o encargado de lembrar ao seu pai e os inicios nunha profesión, totalmente vocacional, que logo seguiron os seus fillos."Antes de ser fotógrafo foi zapateiro en Dena, pero isto cambiou cando chegou a cámara de fotos que lle enviou o seu pai de Bos Aires onde estaba emigrado. Grazas por esta homenaxe, estamos moi agradecidos", sinalou.

O presidente de Ollares de Portonovo, Luís Dobarro, explicou como xurdiu este recoñecemento aos fotógrafos locais. "Cuando empezamos a recopilar fotografías antiguas nos dimos cuenta de que la mayoría de ellas estaban firmadas por Olimpio o Gerardo por lo que creímos que era de justicia reconocer su labor", explicou. Ademais, dentro da exposición reserváronse dous paneis con retratos e fotografías familiares de Olimpio Piñeiro.

Pola súa banda, a concelleira Elena Torres agradeceu o labor realizado por Ollares de Portonovo e lembrou a figura do fotógrafo homenaxeado. "Esta exposición nos acerca la historia del municipio. ¿Quién no tiene una foto de Olimpio en su casa?", afirmou.

A exposición crece en cada edición recibiu desde primeira hora da mañá numerosas visitas. Ante a gran expectación, a mostra prolongarase durante a xornada do martes.